ÚLTIMA HORA | Tres feridos nun choque na rotonda dos Institutos en Xinzo
A condutora do turismo, un Citroën C3, e o ocupante do asento do copiloto do todoterreo sinistrado, foron os ferido que presentaban peor prognóstico. Foron evacuados ao Centro de Saúde de Xinzo poucos minutos despois de se producir o accidente. Tamén foi evacuado o condutor do todoterreo, fillo do ferido.
Ao parecer o turismo, que entraba en Xinzo pola N-525, invadiu a rotonda cando o todoterreo estaba a facer o xiro. O impacto deixou o todoterreo sobre a rotonda con danos na parte dereita. Mentres, o vehículo acabou espetado contra o valado de protección da vía, estragando toda a parte dianteira. Saltou o airbag.
O accidente tivo lugar ao redor das once da mañá, nuns momentos en que a chuvia era constante e o tráfico en Xinzo moi intenso pola celebración da feira.
Protección Civil e dúas patrullas da Policía Local restableceron o tráfico nas catro saídas da rotonda antes da chegada dos bombeiros, contra as 11:15 horas para limpar os restos dos vehículos espallados pola vía. A Garda Civil chegou pouco despois.