Xinzo leva a pleno o orzamento de 2023, que supera os oito millóns de euros
O Concello de Xinzo celebrará mañá o último pleno ordinario deste 2022 no que o Goberno local presentará o orzamento do vindeiro ano para a súa aprobación inicial. O presuposto, que supera unha vez máis a barreira dos oito millóns, acada os 8.111.777 euros no apartado de ingresos e, no tocante aos gastos, o maior desembolso será para o pago do persoal municipal ao que se destinarán 4.339.467 euros, o 53,88% do total; e 2.738.039 (o 34%) irán para gastos correntes.
O Concello, coa aprobación inicial mañá do orzamento, lograría por segundo ano consecutivo sacalo adiante en "tempo e forma" antes de que comece o exercicio orzamentado. Ademais, este presuposto atende ao plan de axuste do Ministerio de Facenda, que esixe a redución do 2% ao que está sometido o Concello pola súa xestión económica.
Na sesión plenaria de mañá tamén se nomeará a Ramón de la Fuente Galván como fillo predilecto da vila a título póstumo. Recoñecerase a súa traxectoria e dedicación ao Concello de Xinzo, tanto na súa faceta profesional como médico e na política, así como sendo promotor e colaborador, persoal e desinteresadamente, en diferentes acción e actividades culturais e deportivas.
A orde do día tamén inclúe a ratificación da terceira addenda modificativa do convenio entra a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello para as actuacións das infraestruturas hidráulicas asociadas ao Mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras. A obra quere recuperar do esquecemento, dar visibilidade e poñer en valor deste ben patrimonial que presenta un claro estado de abandono e incluso un risco para a seguridade dos visitantes. A Confederación aportará 0 90% do orzamento e o 10% restante será do Concello.
Mocións
O Goberno local proporá no pleno de mañá unha serie de medidas para mellorar a atención sanitaria en Xinzo, que abarcan dende o incremento de especialistas ata a ampliación do Centro de Saúde. A alcaldesa, Elvira Lama, mantivo nos últimos meses diversos encontros cos responsables sanitarios do centro para coñecer as carencias e deficiencias, pero tamén para buscar alternativas que mellores o servizo.