Evento
AXENDA | II Encontro Galaico-Portugués da Palabra en Xinzo de Limia

O vindeiro 26 de abril de 2025, a Biblioteca Municipal de Xinzo de Limia acollerá o II Encontro Galaico Portugués da Palabra. Esta xornada cultural, organizada pola asociación AC O Sobradelo do Tanganhão en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, ofrecerá diversas actividades de balde centradas na conexión lingüística e cultural entre Galicia e Portugal.
O encontro comezará ás 11:00 coa benvida e presentación a cargo de Amador Díaz Penín (Alcalde) e Carlos Gómez Salgado (C. Cultura). Seguidamente, ás 11:30, terá lugar unha mesa redonda baixo o título "Galicia - Portugal. A problemática dos medios tradicionais e novos medios alternativos", na que participarán Germán Estévez (Galipodus Podcast) e Luís Loureiro (Universidade do Minho).
Ás 13:00, o público poderá gozar dun concerto con Terra Morena e Cana Verde, onde se interpretarán temas de Zeca Afonso e outras pezas que evocan emocións a través da música.
Pola tarde, ás 16:30, celebrarase a mesa redonda "O Portugués nas aulas galegas", coa participación da Asociación de Profesoras/es de Lingua Portuguesa, Anxo Fernández, Rochi Nóvoa e Carlos Salgado.
Para finalizar a xornada, ás 17:30 inaugurarase unha Mostra de cestería de Obrairo en Situ, a cargo de Manuel Gonzaga, cesteiro do Porto, onde será posible adquirir algunha das súas pezas.
Todas as actividades do II Encontro Galaico Portugués da Palabra son de balde.
