Evento
AXENDA | "Coñecendo Postoiro", xornada de lecer entre cultivos
Postoiro SCG ten organizada unha actividade educativa para amosar as súas parcelas, cultivos e invernadoiros a todas as persoas que queran coñecer o día a día dista cooperativa agrícola. Unha xornada de lecer para achegar coñecementos das tarefas agrícolas ós participantes que terá lugar o domingo, 29 de outubro, a partir das 10:00 horas nas instalacións da cooperativa.
Co gallo da noite de ánimas, e tendo en conta que Postoiro é unha das grandes produtoras da típica cabaza deste festexo, durante a visita a cativada será agasallada cunha cabaza de Samaín.
Ubicada en Vilar de Santos, Postoiro é unha cooperativa hortícola que leva traballando dende o 1996. Especializada no cultivo de cebola e cabaza, tamén cultivan outros produtos da horta: pataca, repolo ou brócoli.
Con ista iniciativa, a cooperativa Postoiro quere achegar de primeira man os seus produtos ós consumidores; un xeito de buscar o contacto directo coa clientela para que poda ver en persoa como se traballa na cooperativa e coñecer a calidade da súa produción.
Para participar na xornada é preciso anotarse; ben chamando por teléfono: 692 30 90 71, ben a través dun correo electrónico: [email protected].