A neve

Un conto colectivo elaborado no taller do CDR O Viso en Boado

Nunca tan pouca neve houbo coma agora pero non sempre foi así. As xentes de Boado e Porto Alto recordan un tempo no que se pintaban de branco os carreiros, as casas, os campos e o monte. Despois dun trienio de grandes nevaradas ó principio da década de 1970 nunca máis nevou igual. Daquela nevara tanto que non se coñecían nin os valados. Se viñan xeadas logo da neve, esta podía botar ata un mes nos pés da xente. O tempo chegou a ser tan cruel que obrigou a sacar en ocasións os sachos e as palas para botarse fóra da casa ou os aixadóns para ir ós nabos.


Alén deses sacrificios, os rigores invernais tamén traían entretementos e enredos sobre todo para os rapaces e rapazas da aldea. Había quen corría á Ponte para comprobar o grosor do xeo no río, guindándolle pedras desde arriba para ver se rachaban a capa de conxelación ou quedaban chantadas nela. No recordo queda o atrevemento dun noviño Eduardo Fofó, do tío Xogas, quen casara en Rebordachá, e que atopou a morte na emigración no Brasil, cando desafiou ó frío cruzando o río a pé polo xeo ante a admiración e medo das persoas que contemplaron tal destemida fazaña.

Se viñan xeadas logo da neve, esta podía botar ata un mes nos pés da xente. O tempo chegou a ser tan cruel que obrigou a sacar en ocasións os sachos e as palas para botarse fóra da casa ou os aixadóns para ir ós nabos.


O principal divertimento destes tempos brancos eran as batallas e bonecos de neve, coma en calquera lugar onde neva como é debido. En Boado facíanse en moitos sitios coma as Airas de Riba ou, se nevaba moito, na Aira dos Moitos, pero o sitio senlleiro ten sido o fondo da costa da igrexa, un lugar con moitas historias. Alí facíanse os bailes ós domingos. As tabernas do Chambras e a tía Castilla, situada na casa que foi do Manolo Grilo e hoxe do seu neto Fidel, puñan a música en semanas alternas. Para escaparlle un pouco ó bulleiro que había en tódolos camiños no inverno danzábase sobre todo diante da casa da familia da Baselisa Garrida e na da Olimpia Parada porque era máis enxoito, pero nesta última menos porque o Camilo Villarino protestaba se non lle deixaban meter os bois.

Mozos de Boado na estrada recén aberta, xogando ca neve. Arriba: Antonio Muxica, Sera do Chambras, Luís do tío Cesáreo. Abaixo: Luís de Porto Alto, descoñecido, descoñecido, Chicho do Sergio. | IMAXE: 'A memoria da auga' (CDR O Viso).

Mentres a xuventude moceaba e bailaba, a xente miúda enredaba por alí. Un xogo moi recorrido para os máis pequenos e pequenas era desfacer os bonecos de neve para enlamar máis o chan. Esta brincadeira cortouna de vez o tío Amadeo un día cando, con voz rotunda, dixo ben claro: “Se desfacedes o entroido de neve, ídesvos acordar da volta” e estas palabras chegaron para que dende entón se deixaran derreter ata o final, cando apenas quedaba deles o tizón que noutro momento fixera de nariz.


Os bailes de Boado foron moi soados, entre outras cousas, polas anécdotas que deixaron. Unha das máis interesantes conta o momento de empoderamento dunha muller valente. A protagonista era a Marina do tío Vicente, unha rapaza decidida e con éxito entre os rapaces. Durante a alternancia de parellas de baile, o Fuca, neto da tía Esperanza e que logo casara en Pena, presumiu diante dos mozos de que a tal Marina lle andaba detrás. 

Mentres a xuventude moceaba e bailaba, a xente miúda enredaba por alí. Un xogo moi recorrido para os máis pequenos e pequenas era desfacer os bonecos de neve para enlamar máis o chan.


O conto chegou a ela en apenas minutos e ofreceulle ó galán repetir o baile de parella. El, cheo e fachendoso, buscou a complicidade do resto ao poder demostrar que efectivamente, lle gustaba a ela. Xuntáronse, acompasáronse ocupando o espazo necesario e fóronse movendo ó ritmo da música e achegándose á beira do murallón que aínda permanece hoxe en día. A Marina apertou ó Fuca, el confiouse e ela chimpouno embaixo para que aprendese, todo enzoufado, a lección de non presupor nin presumir.


Este conto é un adianto do libro ‘A memoria da auga’ que se presentará mañá, 25 de xuño, en Boado e que recolle o traballo do taller.