A pesca
Un conto colectivo elaborado no taller do CDR O Viso en Boado
Os ríos de Boado e Portoalto teñen dado moita vida tanto en sentido metafórico coma estrito. Nunha terra de tres ríos son moitos os beneficios que se teñen obtido. Un tesouro deles foi, e xa non é, a pesca. A riqueza da fauna fluvial ten vivido tempos de crise pero vive presente no recordo da xente de Boado e Portoalto como un tempo de abundancia. A xente pescaba nos ríos e facíao con artes diversas segundo a destreza de cadaquén, a época do ano ou a presa buscada.
Peixes, troitas e ras foron sempre a realeza dos ríos Limia, río da Vea (río de Faramontaos) e río de Abavides. A xente ía con cañas e fío ou sedal nos tempos máis recentes. Tamén se puña o trallo ou o saco para capturas menos selectivas.
O trallo era unha rede que non podía manexar unha persoa soa e nela entraban, ademais dos peixes, calquera tipo de animais, sendo frecuentes as cobras. O uso do trallo tiña que ter a consideración de non molestar a pesca doutras persoas polo que se escollían lugares illados e estaba prohibido polas autoridades así que o seu uso levaba implícito vixiarse da Garda Civil.
Había quen usaba os “sacos”, que non eran máis ca bolsas de esparto das que se usaban para o cereal ou as patacas cuxa capacidade era duns cincuenta quilos ó estrealos e que cedían progresivamente no uso ata chegar ós cen quilos pesados na balanza romana.
Bos pescadores foron o Delmiro, irmau da tía Lucinda, o Gerardo da Remedios, o Perfeuto da Celsa, o Sera López co seu tío Pachín ó saco e o Manolo Maia e o tío Locho que collían troitas á man nas cañotas. Este xeito de facelo era coñecido coma o “cacheo”.
A sona das augas boadesas estaba estendida e viña xente doutros lugares a pescar coma o Carlista de Pena. Quedan no recordo e na crítica algúns emigrados na Alemaña que desafiaban o equilibrio natural usando bombas ou lixivia como métodos de pesca.
O botín que se conseguía no río tiña un destino claro, a mesa. Os peixes e troitas formaban parte dos menús da aldea e ás veces ata se servían peixes e troitas fritidas pola María Muxica logo de que llas trouxeran o tío Vicente e o José Canillas dos Prados de Riba.
Alí había charcos nos prados que quedaban á vista así que pasaban as enchentas e resultaba fácil apañar as capturas usando un cesto na poceca. As troitas máis cotizadas eran as do río da Vea porque se criaban en zonas de areais e estaban máis limpas que as que medran nas zonas de lodos. Na primavera o lugar máis cotizado era o río de Abavides. Mentres, a rapazallada andaba ós ninos ou niños dos merguilletes.
As augas boadesas tiñan moita presenza de samesugas (cemezugas). Conforme entraban no río persoas ou animais, pegábase con fortaleza. Era común que as vacas sangraran dabondo, sobre todo nos pozos, especialmente no Pozo Grande, ó lado do campo de fútbol.
O prato senlleiro da Limia son as ras malia que na actualidade non se pode andar a elas porque apenas hai. Cincuenta anos atrás, a partir de abril, apenas se daba durmido do que cantaban. Boadeses e boadesas estimábanas no prato pero quen realmente andaba a elas era a xente de Xinzo e arredores. Xentes do común que buscaban ingresos esporádicos ofrecéndolle o manxar ós negocios da hostalaría do Barrio Dabaixo de Xinzo, que as dispuñan nos seus menús tódolos días do verán.
Ás veciñas e veciños de Boado nunca lles gustou o método usado polos eventuais pescadores porque desfacían o animal para levar as zancas e ciscaban o resto do corpo polos camiños. Curiosamente, nalgún dos locais onde se vendían as ras de Boado anos atrás tamén se ofrecía á clientela carne de gato, algún apañado na mesma aldea, coa etiqueta de coello.
Este conto é un adianto dun libro de contos que se editará nas vindeiras semanas e que recolle o traballo do taller.