Diálogos poéticos con Carlos Casares
20 ANOS SEN CASARES
Houbo un tempo, no que dalgún xeito, quixen dialogar poeticamente con Carlos Casares, e fíxeno mergullándome na súa obra narrativa.
Agora, volvo novamente a aquel traballo que me ocupou parte do ano 2017, cando lle adicaron as Letras Galegas, para recordalo no vixésimo aniversario do seu pasamento.
Nada existe no horizonte. / Todo parece unha presenza invisible / para os ollos rodeados dun círculo.
Son versos dun dos poemas que forma parte de O sol dentro da cabeza, o libro que publiquei en Laiovento, logo dese diálogo coa narrativa do ourensán que medrou en Xinzo de Limia.
Daquela ousadía de meterme no imaxinario de Carlos, para achegalo a min dalgún xeito, e construír ese diálogo poético que eu desexaba, decateime de que a súa obra narrativa, en boa parte é un corpo único, no que o autor lle dá forma ás súas historias dende o alicerce que foi medrando con el, na infancia, nas aldeas de Lamas e Sabucedo (en Xinzo de Limia), ata Beiro (en Ourense).
No transcurso dos anos / empezou a xirar o entusiasmo / e os delicados sentimentos.
Pescudar no mundo narrativo de Carlos Casares, para falarmos en silencio, para recoller palabras e xuntalas en versos cos que completar poemas, amosando novas imaxes, semellaba, ó comezo, unha idea peregrina que seguramente non se podería materializar, dun xeito aceptable, nun libro de poemas, como felizmente resultou. Meterse no imaxinario de calquera autor, ademais de resultar imposible, é mesmo unha ousadía. Mergullarse nese crisol de imaxes é, por forza, dende unha óptica propia, condicionada polo xeito que cada un temos de ver as cousas, de apreciar e sentir a vida, e así buscar, nese diálogo calado, o que xungue as nosas verbas encontradas.
O silencio foi caendo sobre a casa, / e xa verás que distinta é a luz dos domingos / vista dende preto.
Toda linguaxe leva consigo unha carga poética, mais non todo o mundo interpreta ese son melodioso e fuxidío.
A luz, a luz de Casares, o sol que todo o asulaga, que mantén acesas as palabras, os diálogos e tempera os latexos cos que nos abrigamos ao lermos os seus libros. Aí é onde estaba ese diálogo que eu buscaba.
As palabras resoaban / nun silencio afundido / e amurallado.
Coido que todos os escritores levan consigo un poeta, unha voz adormecida que amasa na soidade do pensamento o lévedo dos seus silencios, en ocasións imperceptibles, por veces atronadores. Casares, ao meu entender, foi sementando de silencios a súa obra, silencios que quixen facer meus para pronunciar as palabras que agardaban xunguirse a outras palabras para renacer doutro xeito, para musicarse de novo ata amosar potentes imaxes poéticas, e así falarmos, dialogarmos.
O silencio cravaba as horas / cun libro na man / nunha lareira cun lume vivo e poderoso / diante duns ollos ausentes.
De Vento Ferido a O sol do verán hai un fío condutor que fai da súa obra un corpo único, como dicía, con illas nas que naufragar na travesía. Non foi doado debullar Os escuros soños de clio, nin Os mortos daquel verán, por momentos só cabía pensar que a lírica que alí agardaba non estaba o meu alcance e seguiría agochada no seu silencio, e sobre iso non poderiamos dialogar. Pola contra, Deus sentado nun sillón azul é un océano inabarcable de imaxes poéticas, diría que é infindo; mesmo O sol do verán, esa grande novela da nosa literatura, amosábase diversa coma unha paleta de cores coñecidas mesturándose para abrollar texturas tan distintas e inimaxinables, onde non deixarmos de dialogar ata mesmo esgotar as palabras.
O sol empezaba a asomar / por riba do negror das nubes de tronada.
Crear dende o creado, para debuxar ou debuxarse na soidade da lectura, é un exercicio diferente, un diálogo na ausencia, tan presente. O poeta precisa deses tempos de remorso, ata ter a necesidade de berrar eses silencios cando xa non os atura, de dialogar, consigo, de dialogar tan só co pensamento.
No seu interior medraba un barullo / de palabras que non se oían.
Buscámonos nas palabras doutros, nos silencios propios. Buscamos novas formas de atoparnos, de atopar ese espazo no que ir florecendo versos, sobre todo, no que seguir preguntando en silencio para construírmos un diálogo en ausencia.
A verdade é un son xordo e calado, / unha deliberada metáfora do silencio.
Seguirei dialogando con Carlos Casares en cada lectura que faga dos seus libros, para construírmos novos espazos onde habite a Galiña azul e as Laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, lle dean cor ao silencio, mentres escoito o Vento ferido alentando ese verdadeiro diálogo en ausencia.
Á beira dun bidueiro íspese o tempo e a palabra.
Suso Díaz é poeta.