Unha nave no dique seco
Cando entro nun museo é como se embarcase nunha nave que me vai levar a descubrir outros mares.
No caso do MUSEO GALEGO DO ENTROIDO, esperas navegar entre as máscaras dos entroidos galegos. O problema é que esta marabillosa nave está en dique seco, coas velas rotas e o temón sen rumbo nen temoneiro.
O MUGAE debería ser de e para todos os galegos. Tamén para e de quen nos visite. O seu destino é poñer en valor os entroidos e as máscaras galegas. Traballar para facer partícipes a tódolos entroidos da Galiza, do Norte de Portugal, comarcas de Zamora, de León, Asturias, etc. para que tódalas localidades entroideiras mostrasen a súa cultura, os seus saberes, todo o potencial que cada Entroido ten. Que estivera aberto a tódolos que teñan algo que dicir.
Imprescindible sería ter unha biblioteca de referencia onde os investigadores do mundo da máscara atoparan un espazo de estudo. Poder ser o fogar dos artesáns que fan as máscaras dos diferentes entroidos da Galiza.
Publicar periodicamente estudos, artigos, libros, etc. Promover a realización de vídeos, programas de radio… onde se nos contase o que ten de peculiar cada entroido. Tamén ser a sede de congresos, xornadas, simposios, conferencias, cursos, exposicións fotográficas…
E cantas cousas máis? O horizonte non ten cancelas.
Falta quen colla o temón e sen desprezar a ninguén, nin aos grumetes, sexa capaz de levar a nave a bo porto. Unha vila cun museo que ten a categoría de galego debería traballar en que a sala de caldeiras funcionase a toda máquina.
Mas… temos unhas pexas que non deixan tomar o rumbo correcto. Localismos cegos, envexas nefandas, descrenza no proxecto. En fin… e que sei eu.
Falta quen colla o temón e sen desprezar a ninguén, nin aos grumetes, sexa capaz de levar a nave a bo porto. Que o terrible kraken da desidia non faga que estoure a quilla.
Unha vila cun museo que ten a categoría de galego debería traballar en que a sala de caldeiras funcionase a toda máquina.
E se non son capaces de manobrar con este barco que deixen que sexan os doutro porto, que moitos temos, os que solten as velas ao vento e que a nave parta coas bodegas cheas de ilusión.
Xosé Calleja López é membro fundador e Presidente da Asociación Cultural O Bión, vogal da Asociación Aimil Folc, e blogueiro en As tradicións da Limia.