lunes. 25.11.2024

Ser feminista

DESPOIS DO 8 DE MARZO

Opinións. Ana Fernández. Traballadora Social

Trala celebración do #8M/Día Internacional da muller e do #23M/Día Nacional da conciliación e a corresponsabilidade, é practicamente ineludible a responsabilidade que temos cada un de nós para entender o feminismo e as súas reivindicacións.


É innegable que existe un pensamento erróneo deste movemento baseado nun mal entendemento e que non fai máis que alimentar a problemática social que supón o machismo.


O feminismo non busca a adquisición de dereitos especiais para a muller, non busca menosprezar ós homes nin defender o feminismo supón sentirse superior ó outro xénero.


O feminismo nace como movemento para reivindicar o principio básico de igualdade de dereitos da muller e do home, eliminar calquera tipo de violencia e/ou dominación do home sobre as muller. Neste senso, calquera persoa que apoie a igualdade de xénero é feminista, independentemente das súa condición de xénero.


A pesar de que a sociedade espera certos comportamentos de cada xénero e os homes tamén se ven afectados, non hai dúbida de que non son comparables. Gran parte das mulleres sofren algún tipo de desigualdade ó longo da súa vida (brechas salariais, dificultades á hora da conciliación familiar e laboral, teitos de cristal que impiden chegar postos laborais de maior responsabilidade, etc) ou situacións máis graves de violencia física, psíquica ou sexual.

Calquera persoa que apoie a igualdade de xénero é feminista, independentemente das súa condición de xénero.

Precisamos pois unha sociedade máis igualitaria dependente dunha educación sen nesgo de xénero. Unha sociedade na que as mulleres poidamos vivir sen medo e en igualdade de oportunidades e corresponsabilidade de tarefas e coidados.


Non se loita por ser máis, loitase por ser igual.

Ana Fernández é Traballadora Social e Responsábel do centro de día e Fogar residencial de Vilar de Barrio.

Ser feminista