As charlas "Obesidade infantil, a nova pandemia", impulsadas polos sanitarios do centro de saúde de Xinzo, remataron esta mañá as súas visitas aos escolares da comarca. Uns 270 cativos do CEIP Rosalía de Castro participaron nesta última xornada do proxecto na Casa da Cultura.
En dous grupos, de diferentes idades, os nenos asistiron á charla na que se lles deu a coñecer as complicacións para a saúde que trae consigo a obesidade infantil. Esta non só afecta na apariencia física, tamén repercute gravemente no organismo e pode provocar patoloxías de risco en idades temperás.
O delegado da Xunta, Gabriel Alén, participou nesta actividade e manifestou a necesidade de concienciar á sociedade sobre a prevención, potenciando a participación e implicación das familias, institución e tamén de empresas agroalimentarias. A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, tamén acompañou aos estudantes nesta xornada de educación en saúde.
A iniciativa desenvolta na Limia, onde existe unha alta taxa de obesidade infantil, estivo impartida por Sonia Valado, enfermeira de Pediatría; e por Cynthia Suárez, MIR de medicina Familiar e Comunitaria.