NOTICIAS A LIMIA | Porqueira, Sandiás e Trasmiras completan os seus procesos para a contratación das brigadas de incendios
Os concellos de Porqueira, Sandiás e Trasmiras únense esta semana aos procesos de contratación de brigadas para a prevención e extinción de incendios forestais iniciados xa en Calvos de Randín, Vilar de Barrio e Vilar de Santos en semanas anteriores. En ambos casos, a oferta é de cinco prazas até completar unha brigada en cada concello.
En Porqueira, o prazo para a presentación de solicitudes conclúe pasado mañá, o mércores 6 de xullo, despois de que a oferta se lanzase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 29 de xuño. O concello selecciona un capataz, un peón condutor e tres peóns forestais mediante un concurso de méritos e proba práctica. A duración dos contratos é de tres meses, a xornada completa, e baixo a modalidade de contrato temporal por circunstancias da produción.
En Sandiás, a oferta publicouse no BOP do pasado xoves, cun prazo de cinco días hábiles para a presentación de solicitudes, polo que o prazo remata este próximo xoves, 7 de xullo. Sandiás precisa de catro traballadores como peóns e un traballador como xefe de brigada. Os contratos serán temporais, vinculados ao convenio subscrito coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia que está cofinanciado polo FEADER 2014-2020 e cunha duración de tres meses. As prazas adxudícanse a través dun concurso-oposición.
En Trasmiras os postos a cubrir son un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns de brigada. O anuncio publicouse no BOP do pasado sábado, polo que o prazo de presentación de solicitudes rematará este próximo venres, 8 de xullo. As instancias poden presentarse desde hoxe luns no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas. A duración dos contratos é de tres meses, mediante a modalidade de contrato laboral temporal por obra ou servizo determinado a tempo completo.
OUTRAS OFERTAS EN CALVOS DE RANDÍN E VILAR DE BARRIO
Por outra banda, os concello de Calvos de Randín e Vilar de Barrio lanzaron nos últimos días ofertas públicas para a contratación de persoal eventual. En Calvos de Randín o concello pretende cubrir tres prazas de auxiliares de axuda no fogar, cun contrato laboral temporal por substitución. O prazo de presentación de solicitudes remata mañá martes. En Vilar de Barrio ofértase unha praza de operario de servizos e obras, cun contrato laboral de substitución a xornada completa, até que finalice o proceso de selección para cubrir a praza en réxime laboral fixo. O prazo de presentación de instancias remata este próximo xoves, 7 de xullo.