SoildiverAgro presentou os resultados a membros de sector

NOTICIAS A LIMIA | Varios estudos obteñen datos favorables para a produción sostible de pataca

Xornada sobre técnicas de mellora na produción de pataca organizada en Xinzo.

O proxecto europeo SoildiverAgro, no que participa a Universidade de Vigo xunto a socios doutros seis países, presentou en Xinzo os resultados preliminares das súas investigacións sobre técnicas que melloren a produción da pataca na comarca e minimicen o impacto sobre o solo. Este proxecto, no que tamén colabora o Inorde, comezou os ensaios no 2021, conseguindo datos positivos á hora de reducir o emprego de produtos fitosanitarios ou fertilizantes de síntese química e apostar por técnicas máis sostibles que sexan rendibles para o sector.

SoildiverAgro conta con tres liñas de investigación que arroxaron uns primeiros datos sobre os anos 2021 e 2022. As condicións climatolóxicas extremas deste último, especialmente polas altas temperaturas e a seca deste verán, condicionaron os ensaios levados a cabo por investigadores da UVigo e do Inorde, pero os estudos continuarán.

 

Laura Meno, investigadora da UVigo, analizou os resultados preliminares do seu estudo sobre a incorporación dun sistema de alerta de pragas, en concreto do Mildiu, que reduza o uso de funxicidas. Os datos obtidos sobre a variedade kennebec no 2021, amosaron que só con botar tres veces funxicidas, evitouse que a infección crecese. Nunha produción convencional, chegarían a empregarse ata en sete ocasións cada 10 ou 12 días. "O modelo de alerta permite controlar a enfermididade no inicio, usando menos funxicidas, polo que se consegue un produto máis sostible e saudable", apuntou.

Paula Pérez, outra das investigadoras, falou sobre o uso de fungos micorrízicos, que poden ser unha alternativa aos fertilizantes convencionais de fósforo á hora de incrementar a produción. Neste caso, Pérez sinalou que o solo da comarca da Limia é "rico" en fósforo e isto pode beneficiar a redución destes fertilizantes. "Hai suficiente para non ter que aplicalo coa mesma intensidade", apuntou.

O aumento do custo destes fertilizantes, cuxo principal productor do mineral é Marrocos, fai que atopar outras vías máis sostibles sexan favorables para os petos. Na súa investigación cos fungos micorrízicos, que axudan ás plantas a captar nutrientes máis lonxe da súa raíz, permitiron aumentar a produción de pataca, especialmente no 2021 cunha meteoroloxía menos extrema. O resultado preliminar máis favorable foi o de empregar a metade de fertilizantes de fósforo mesturado cunha cepa ou varias dos fungos micorrízicos.

Por útlimo, Servando Álvarez, do Inorde, valorou os datos preliminares do emprego de plantas trampa para a redución de nematodos da pataca. Tamén se avaliaron as condicións axeitadas para o cultivo de Solanum sisymbriifolium, planta que axuda no control dos nematodos da raíz da pataca.

Na xornada estivo presente a xerente do Inorde, Emma González, quen destacou a necesidade de "establecer medidas para conservar e mellorar o estado dos nosos solos de cultivo" para manter a actividade produtiva agraria.