sábado. 23.11.2024

A Universidade de Vigo organiza mañá en Xinzo unha xornada sobre melloras na produción da pataca, na que se darán a coñecer os resultados preliminares do proxecto internacional de SoildiverAgro na Limia. David Fernandez, investigador da UVigo, é un dos participantes neste estudo que busca o fomento dunha agricultura máis sostible e de menor custo para o sector.

A xornada terá lugar no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo a partir das 16:00 horas e será aberto a todo o público, aínda que se recomenda unha inscrición previa aquí. Fernández será o encargado de presentar o proxecto e os resultados preliminares coñceranse da man das investigadoras Laura Meno e Paula Pérez, da UVigo; e de Servando Álvarez, do Inorde. Este encontro pretende animar ao sector agrario da Limia a probar outras formas máis sustentables de cultivo.

Que é SoildiverAgro?

É un proxecto internacional, financiado pola Comisión Europea, no que estamos 22 socios de sete países europeos. O que facemos é ver como se pode utilizar a biodiversidade do solo para mellorar a produción agraria e, por outra banda, tratar de reducir elementos como os produtos fitosanitarios ou os fertilizantes que se empregan na agricultura.

Por que escolleron A Limia para levar a cabo o seu estudo neste proxecto?

Nós, na Facultade de Ciencias, seleccionamos A Limia porque é unha zona na que hai agricultura bastante intensiva, polo que contabamos cun amplo campo para investigar sobre estas dúas temáticas de SoildiverAgro. O emprego de produtos como os fertilizantes empréganse de xeito intensivo e, como unha parte do proxecto é reducir este tipo de substancias, por iso estamos facendo os ensaios na Limia.

Cal é obxectivo desta xornada que se celebra mañá en Xinzo?

Unha das cuestións que nos pide a Comisión Europea neste tipo de proxectos é que fagamos chegar á sociedade os resultados que obtivemos. Dispoñenos xa dalgúns resultados preliminares que os transmitiremos nesta xornada e así animar a algúns agricultores a que empecen a empregar estas técnicas e sigan as recomendacións extraídas dos ensaios, algo que sería moi importante para nós.

É preciso acadar un equilibrio entre a produción agraria e o coidado do medio ambiente?

Si, e todas a políticas europeas van por ese camiño. Ademais, co custo que teñen agora os fertilizantes de síntese química, creo que aos agricultores poden interesarlle as técnicas deste proxecto. Está claro que para conseguir unha produción máis sustentable, hai que ter en conta a rendibilidade das explotacións. Por iso, temos que buscar ese equilibrio.

Que estudos elaboraron na Limia?

Por un lado estamos ensaiando coa maneira na que se pode reducir a fertilización con fósforo ou de que xeito servirían os microorganismos do solo para empregar de forma máis eficiente o fósforo que xa hai, polo que o emprego deste fertilizantes sería menor. Por outra, estudamos a utilización de plantas para loitar contra o nemato da pataca, que ten bastante incidencia na comarca e, por último, queremos plantexar un sistema de alerta de pragas que contribúa, no caso de funcionar axeitadamente, a minimizar o emprego de funxicidas e non facelo de xeito rutinario como agora. A idea é reducir o emprego deses produtos e que os agricultores poidan aforrar.

ENTREVISTA | David Fernández, investigador: "Estudamos técnicas para que a agricultura...