miércoles. 02.04.2025

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego en Xinzo de Limia recolle a demanda veciñal para a publicación dun plan de xestión de limpeza forestal que lle dea seguridade ós pobos. 

O voceiro do BNG, Camilo Vila, anunciou que o seu equipo está traballando para que o concello, declarado como zona de "actuación prioritaria", teña un plan rigoroso e informe debidamente á veciñanza argumentando que "levamos semanas recollendo a preocupación da xente tanto por saber cando e como serán as rozas de competencia municipal, como para que o consistorio de Xinzo dea resposta polas fincas privadas abandonadas nun ano cun inverno chuvioso que fixo medrar a vexetación". 

Seguindo a Lei de Prevención e Defensa contra os incendios (3/2007), as franxas secundarias abranguen 50 metros desde o remate do núcleo de poboación ou das vivendas illadas, supoñendo unha barreira contra os eventuais lumes do verán. 

WhatsApp Image 2025-03-31 at 12.57.31 (1)
Os voceiros do Bloque de Xinzo de Limia visitan un pobo do Concello.

 

O vicevoceiro nacionalista, Manuel Pozo, explica as vantaxes de ter un visor na páxina web do Concello para orientar á veciñanza como primeiro paso dunha campaña informativa que teña a participación veciñal como máxima. "Lamentamos a diferencia con outros concellos, onde se informe á xente e sobre todo, se acompaña na identificación das franxas e na orientación para conseguir que estean limpas". Engade que con información e acompañamento evitaríase que a xente teña que pagar multas. 

Dende o BNG asumen que, pola falta de vontade do grupo de goberno neste mandato, non vai existir un plan integral de actuación: "en Xinzo manda un bipartito máis preocupado en crear galas, e en disputas internas, ca en sentarse e traballar a longo prazo creando liñas de aposta por cultivos de baixo risco ou apoio a sistemas silvopastorais na zonas críticas".

NOTICIAS XINZO | O BNG esixe un plan de limpeza forestal para garantir a seguridade dos...