miércoles. 02.04.2025

Os Centros de Desenvolvemento Rural Portas Abertas (Verín) e O Viso (A Limia) presentaron este luns, coincidindo co día europeo da loita contra o despoboamento, unha campaña de comunicación de aposta polo rural baixo a denominación "É POR VIR, o rural ten futuro eiquí".


Os dous CDR da provincia xuntan desta maneira forzas para difundir unha campaña "en positivo na que presumir do orgullo de escoller o rural" segundo Alba Balboa, facilitadora rural do CDR Portas Abertas.

A campaña defende o dereito a vivir no medio rural e as vantaxes de escollelo diante de opcións urbanas e ponse o foco sobre as Administracións e a súa responsabilidade na defensa dos servizos nos pobos, extremo indispensable para garantir a posibilidade de vivir neles. "Ser pouca xente non resta dereitos" explica Mila Rodríguez, facilitadora do CDR O Viso ó tempo que advirte que "a opción de residencia vangardista é o rural ó ser unha escolla estable e sustentable nun contexsto socioeconómico incerto". 


A primeira fase da campaña é a presentación da imaxe gráfica cun cartel e logo que representan os valores do traballo dos dous Centros de Desenvolvemento Rural e por tanto, do potencial das comarcas da Limia e de Verín. Seguirán fases que inclúen a información técnica para desmitificación dos medos a dispoñibilizar vivendas ou a adhesión de personaxes recoñecibles no panorama galego. 


Alba Balboa defende a inclusión da palabra "eiquí" como "un símbolo do orgullo da nosa variante dialectal, inseparable dos nosos pobos". O programa de sensibilización e concienciación sobre o despoboamento e a necesidade de emprendemento no medio rural, impulsado por COCEDER, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, dentro dos programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

Ademais, o programa de vivenda rural, proxectos piloto para a súa liberación e rehabilitación, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para a realización de actividades relacionadas coa promoción e implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de España.

NOTICIAS XINZO | Campaña conxunta dos CDR O Viso e Portas Abertas para atraer poboación...