A Asociación Cultural Civitas Limicorum vén de abrir o prazo para a presentación de propostas ao concurso do cartel da Festa do Esquecemento XXV, unha edición moi especial coa que se celebrará o 25 aniversario (Annus Argenteus) desta festa de recreación histórica que cada verán converte Xinzo de Limia no epicentro da cultura galaico-romana en Galicia. As datas para esta XXV edición son os días 22, 23 e 24 de agosto de 2025.
O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro 24 de maio, e o cartel gañador será seleccionado pola Xunta Directiva da asociación entre todas as propostas recibidas, despois dunha asemblea coas súas socias e socios. O autor ou autora da imaxe escollida recibirá unha recompensa económica de 300 euros.
O cartel deberá representar o espírito da Festa do Esquecemento, que combina divulgación histórica, cultura, participación social e celebración, destacando o legado do pobo dos limicos e a súa resistencia fronte ao Imperio romano.
A Festa do Esquecemento, declarada Festa de Interese Turístico Local, conta cun amplo programa de actividades que inclúe recreacións históricas, concertos, mercado, teatro, gastronomía e convivencia, tanto no campamento de recreación histórica como por todo casco antigo da vila. Este ano, ao celebrarse o 25 aniversario, espérase unha edición memorable, con propostas especiais e unha programación máis ambiciosa que nunca.
A Civitas Limicorum, entidade organizadora, traballa de xeito continuado ao longo de todo o ano para enriquecer culturalmente a vila de Xinzo, poñendo en valor o seu pasado galaico-romano e promovendo actividades orixinais e de calidade como as Vestalias, os Forum Limicorum, ou o Samhain dos Límicos. O concurso do cartel é unha mostra máis deste compromiso coa creatividade, a participación cidadá e a difusión do noso patrimonio.
