O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro participa nunhas xornadas sobre a produción da pataca
O responsable do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde de Xinzo, Servando Álvarez Pousa, participa nunhas xornadas sobre melloras nas técnicas da produción da pataca que se están a celebrar en Coristanco. Alí, Álvarez Pousa leva a cabo charlas con recomendacións sobre a optimización dos sistemas de plantación e sobre a realización dun plan de fertilización da pataca.
Estas xornadas, que rematan hoxe en Coristaco para mañá e o xoves celebrarse en Xinzo, teñen por obxectivo reflexionar sobre as técnicas de cultivo da pataca a través do intercambio de coñecementos entre Galicia e zonas produtoras da Bretaña Francesa. A iniciativa tamén pretende establecer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivo que optimicen os rendementos e primen a conservación dos solos.
O seminario chegará mañá á Casa da Cultura de Xinzo, onde se celebrará ata o xoves. O técnico bretón Philippe Dolo, de Bretagne Plants, impartirá estas xornadas xunto con outros da consellería para achegar aos asistentes técnicas que melloren a produción da pataca en temas como os labores de preparación do solo e as necesarias rotacións de cultivo. Ademais, os agricultores limiaos poderán intercambiar experiencias cos bretóns.
Para participar é preciso unha inscrición previa que se pode tramitar en liña aquí. Tamén están dispoñibles os números de teléfono 981 654 637, da Fundación Juana de Vega; e o 616 764 805, da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).
A Consellería de Medio Rural impulsa esta actividade en Xinzo coa colaboración da Fundación Juana de Vega, Adegal e EFA Fonteboa e está deseñada principalmente para os pataqueiros, aínda que tamén pode ser de interese para estudante ou técnicos comerciais, entre outros.