A Consellería de Medio Rural, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal) e EFA Fonteboa, organizará a vindeira semana un seminario sobre melloras nas técnicas de produción da pataca. O técnico bretón Philippe Dolo, de Bretagne Plants, impartirá estas xornadas xunto con outros da consellería.
O seminario terá lugar os días 18 e 19 de xaneiro na Casa da Cultura de Xinzo, onde haberá charlas polas mañás e polas tardes contarán con visitas. Dolo dará a coñecer aos asistentes algunhas técnicas sobre a rotación dos cultivos e dos labores de preparación do solo para a produción de pataca. Por outra banda, os técnicos de Medio Rural abordarán outros temas como a fertilización ou o emprego de fitosanitarios.
Estas xornadas servirán tamén como un intercambio de experiencias entre os agricultores limiaos e os bretóns, xa que haberá dúas mesas redondas onde se falará de como é a produción da pataca na Limia e na Bretaña Francesa. Ademais, o seminario complétase cunha visita a parcelas de pataca e outra de estudo para coñecer a forma de almacenamento e conservación da mesma.
Para participar é preciso unha inscrición que se pode facer en liña aquí. Tamén están dispoñibles os números de teléfono 981 654 637, da Fundación Juana de Vega; e o 616 764 805, de Adegal.