NOTICIAS A LIMIA | Tres historias de produtores na corda frouxa
PRIMEIRA HISTORIA. Os polos do Toño. Toño é o nome suposto do propietario dunha granxa de 40.000 polos na chaira da Limia. O gandeiro investiu en placas solares, mais aínda así a factura da electricidade multiplicouse por 3 no último ano. Antes pagaba uns 500 euros ao mes. A última factura foi de 1.700 euros. O gasóleo, necesario para o sistema de calefacción, subiu un 70% no mesmo período.
Toño sacou unha polada a comezos de ano e agora vén de botar fóra outra. O material que emprega para cubrir o solo das naves para a próxima camada, un composto similar aos pellets, incrementou o seu prezo nun 25%. Cada nova camada require un investimento duns 2.000 euros neste material. Son cinco ou seis poladas ao ano.
Tamén nestas semanas chegou o momento en encher o silo con orujo de olivas, material que se emprega para queimar na caldeira, unha alternativa ao gasóleo. Encher o silo é hoxe un 20% máis caro que hai un ano. Un silo cheo son uns 4.000 euros. Dura tres poladas.
“Estamos diante da tormenta perfecta”, di Toño, “os prezos dos insumos, disparados e o prezo do polo, estancado; e entrando produto de fóra moito máis barato... de países onde o custe da man de obra é a décima parte que aquí e as normas moito máis flexíbeis que aquí. Iso é competencia desleal”. Todo iso pasaba antes da folga de transportistas. O que veu despois, veu enriba diso...
A última polada da granxa de Toño saíu con 11 días de atraso. O matadoiro de Santa Cruz de Arrabaldo estivo parado tres ou catro días. Os polos saíron case no límite dos 50 días. “A partir desde prazo, deixa de ser rendíbel polo gasto que fas”, explica o granxeiro. O peor é que os polos puideron non chegar a saír porque durante unha semana o penso escaseou. Coren distribuíu a través dunha rede de camións en servizos mínimos. “Se o habitual é que deixasen 24.000 quilos e iso dá para catro ou cinco días; agora non había transporte e un camión repartía para varias granxas e a nós deixábanos 5.000 quilos, o xusto para un día”.
“Houbo noites que non durmín pensando que ao día seguinte non ía chegar o camión”, confesa Toño. Leva 22 anos no sector e di que non acorda uns días tan críticos. “O venres temos que encher Xinzo. Que ninguén quede na casa. E que a xente toda entenda o que nos estamos a xogar todos. Só hai dúas opcións, ou saímos á rúa para que a cousa dea un xiro, ou estamos fodidos”.
SEGUNDA HISTORIA. As patacas do Camilo. No almacén de patacas do Camilo, Camilo Maus, en Sandiás, están tan preocupados polas dificultades para lle dar saída ao produto como pola planificación da sementeira da próxima campaña, “unha planificación que xa debería estar feita e non o está porque temos todo isto enriba”, di o Camilo este mércores.
“Todo isto“ resúmese nunhas cantas contas. Para manter a humidade na nave e que as patacas resistan están instalados uns ventiladores que funcionan seis ou sete meses seguidos, desde a colleita até o remate da venda. A factura da luz subiu un 30% desde que en setembro pasado empezaron a encher o almacén nun proceso que está asistido por distinta maquinaria que funciona con electricidade ou gasóleo. Pagan entre 900 e 1.000 euros de luz cada mes.
Antes cultivaban máis pataca. Pero as empresas xa levan tempo neses procesos que os economistas designan como redimensionamento. É dicir, van minguando. Na explotación de Camilo sacan hoxe ao redor dun millón de quilos ao ano en algo máis de 30 hectáreas.
Para poñer a producir unha hectárea fai falta investir 1.500 euros en fertilizantes e uns 2.000 euros en sementes. Despois está o alugueiro das terras (apenas un 10% das que plantan son propiedade da empresa), o gasóleo para mover o tractor, os recambios e as reparacións da maquinaria. Camilo di que para plantar 30 hectáreas tería que adiantar uns 200.000 euros. E iso, sen ter prezo pechado para toda a produción, pode supoñer unha pequena ganancia ou unha perda. É como lanzar unha moeda ao aire... unha moeda de 200.000 euros.
Eles son os que están facendo o que tiñamos que facer todos. Xa hai tempo que digo que esta situación debería dar lugar a unha folga xeral... os camioneiros están afogados de todo. Non teñen a culpa de nada.
“Subiu todo. Sementaremos menos que outros anos. Non imos traballar a perdas. Ao final, o prezo depende de ducias de factores. As patacas que tiñan que saír a semana pasada non as puidemos sacar pola folga do transporte. A situación é crítica. Que necesitamos? Pois liquidez, poder pagar... pero se a cousa se prolonga unhas semanas máis, pois será unha hecatombe. A pataca hai que sacala xa. Vai vir o calor e botarase a perder pronto”, alerta o Camilo.
A semana pasada tiña que ter cargado catro ou cinco camións. 100.000 quilos. Non os ten perdidos aínda... “se se normaliza a cousa”. Todo vai depender, di, do transporte. “Eles son os que están facendo o que tiñamos que facer todos. Xa hai tempo que digo que esta situación debería dar lugar a unha folga xeral... os camioneiros están afogados de todo. Non teñen a culpa de nada”.
Camilo asegura que a actual é a peor crise que viviu desde que hai máis de vinte anos empezou coa pataca. Ao seu lado está o pai, Benito, que asente. E tamén está un rapaz de 22 anos, Jonathan, que traballa con el e querería ter a súa propia explotación. “O meu pai xa o deixou e buscou outro traballo. Antes, na casa, botabamos tres fincas; agora, unha”, comenta Jonathan. “Antes, nas aldeas, todos traballaban o campo. Hoxe quedamos un ou dous en cada aldea. Isto xa non pode ir a peor, porque o seguinte é pechar”, conclúe Camilo.
TERCEIRA HISTORIA. As vacas do Juan. “Ou sobes o prezo do leite, ou baixas o dos insumos. Non hai outra”, di Juan. Juan Aguiar é un dos once empregados dunha cooperativa de produción de leite con 280 cabezas. Na Antelana, moi preto de Xinzo, querían facer reformas. Pero teñen parados os investimentos, conta. Hai dez anos había 17 explotacións dedicadas ao leite na Limia. Hoxe quedan nove. “Xa íamos ao límite desde moito antes da folga do transporte. Antes ía o comido polo servido, digamos. Pero agora xa imos a perdas”.
Hai explotacións que están vendendo o gando menos eficiente para obter liquidez e poder seguir funcionando. A suba do prezo da electricidade, do gasóleo, dos fertilizantes, dos fitosanitarios, das sementes, dos repostos encadeáronse unha detrás doutra. Pero o groso dos custes na granxa de vacas de leite está na alimentación, no penso, na soja, no millo. Encarecéronse entre un 15 e un 20% en menos dun ano.
Na Antelana dispoñen de 250 hectáreas para plantar forraxe. Pero o proceso ten os seus custes. “Eu calculo que a sementeira incrementou o seu nun 70%”, informa Juan. No proceso entra o gasóleo para mover os tractores -teñen catro-, os fertilizantes e fitosanitarios, a man de obra... Aquí, a semana pasada, tiveron que tirar 7.000 litros (a produción diaria é de 9.000). O leite ten unha caducidade para que non se derrame, pero o problema non foi ese. A explotación ten capacidade para almacenar o produto dous ou tres días. Se a recollida non se garante, a cadea creba. E creba a distribución.
A folga do transporte non baixou o traballo na granxa. O traballo cos animais hai que seguilo facendo igual. As vacas teñen que estar atendidas, di Juan. “Coñezo quen se viu na obriga de tirar máis leite. A resistencia dunha explotación é o que tardes en descapitalizala”, advirte. Está pasando. E, mentres, lamenta o produtor, as grandes distribuidoras seguen a usar o leite, mantendo o prezo baixo, como reclamo.