O Viso inicia en Rairiz unha semana de talleres en colexios da comarca sobre roles de xénero

NOTICIAS A LIMIA | “A miña avoa tamén cambia as rodas do coche”

Uxía, preparando os debuxos cun dos grupos de Rairiz. | FOTO: DdL

8 DE MARZO

No colexio de Rairiz de Veiga hai obras este luns. Dous operarios cambian uns tubos no patio. No salón de actos, aínda con parte da decoración do Nadal, dúas traballadoras do CDR O Viso esméranse para lle facer entender á cativada o que é o feminismo, o que é o machismo e o que son os roles de xénero. Estamos na semana do 8 de marzo e as nenas e os nenos de 8 a 11 anos fan preguntas: “Que é un espermatozoide?”.

Paula Miranda, unha das especialistas do Viso, pide a unha das nenas que responda á pregunta da compañeira. O exercicio consiste en asinar cousas escritas nunhas tarxetas verdes a un home ou a unha muller, debuxados sobre cartolina lila. A tarxeta acaba no debuxo do home. E tamén, a que leva escrito competitividade, a de autoridade e a de cambiar rodas.

“A miña avoa tamén cambia as rodas do coche”, protesta un dos cativos cando chega o momento de avaliar as asignacións. Niso consisten os roles: en pegar etiquetas. E niso consiste o traballo de Paula e Uxía (Formoso, alumna de educación social en prácticas no Viso): en ir despegando adherencias.

“Estamos atopando roles de xénero entre o alumnado, claro... roles que din que as mulleres somos máis delicadas, estamos máis na casa ou non podemos cambiar unha roda do coche cando pincha”, di Paula. Do que se trata, explica, é de “ver que pensa o alumando dos colexios do rural sobre a igualdade, e para iso creamos estes espazos onde poden expresarse”.

Malia as adherencias, o reparto de tarxetas debuxa unha cativada mellor educada que as xeracións maiores. Valente, chorar, intelixencia e limpar a casa son termos que as nenas e os nenos sitúan entre os dous xéneros. “O outro día caín da bicicleta contra os toxos e chorei”, confesa un dos rapaces. Os máis pequenos cansan rápido. As máscaras, por riba, dificultan a conversa. 

Entre barullada e barullada, Paula define o feminismo (“movemento político e social que busca a igualdade entre mulleres e homes”), o machismo (“machistas son os que pensan que as mulleres teñen menos dereitos”) e explica que os roles de xénero son comportamentos, tarefas que a sociedade axudica a cada quen polo feito de ser unha muller ou un home. 

Paula, durante o taller desta mañá en Rairiz. | FOTO: DdL

“A min as explicacións non me quedan todas na memoria, non sei se entendín”, di un dos rapaces. “Quedóuseme que somos todos iguais e hai quen non quere que as mulleres teñan dereitos”. Paula asinte. Mais o grupo xa pensa no recreo e algúns buscan un atallo e piden ir ao baño.

Pola tarde, Paula e Uxía, irán ao colexio de Sandiás. Mañá martes, o día 8, Paula estará no seu posto no centro de día en Lodoselo. O mércores estarán nos Blancos, cun grupo con alumnas e alumnos de catro cursos. O xoves toca Vilar de Barrio, e o venres Baltar e Sarreaus. Alí o taller volverá a contar cunha breve introdución que explica quen son estas mulleres que parecen dúas profes e que fai o CDR O Viso preocupándose polo que pensan as rapazas e os rapaces da aldea sobre a igualdade.