NOTICIAS A LIMIA | A Escola Rural de Saúde leva o 8M a Arnuide
8 DE MARZO
A Escola Rural de Saúde da Limia organiza mañá en Arnuide (16:00 horas) unha conferencia baixo o título De Rosalía de Castro a nosotr@s. La mujer sin habitación propia, dentro das actividades que a asociación desenvolverá con motivo do Día Internacional da Muller.
Pola tarde, representantes da Escola participarán ademais nos debates e talleres programados na tenda Ágora, en Xinzo de Limia. Hoxe, véspera da xornada reivindicativa, a Escola Rural de Saúde da Limia fixo público un manifesto no que afirma que "a igualdade é un camiño que debemos transitar xunt@s desde as pequenas experiencias que son microcosmos moi grandes, sen elas, o macrocosmos non é posíbel".
Nas próximas semanas, dentro do programa Camiños pola igualdade, a Escola ofrecerá dúas conferencias máis en Arnuide (Vilar de Barrio). O martes 15 de marzo persoal do Centro de Información á Muller de Xinzo colaborará cunha charla sobre trámites burocráticos e administrativos.
O martes día 22, a actividade centrarase sobre o avellentamento. A Escola ten prevista unha xornada sobre a muller maior e o dereito a avellentar dignamente.
"As mulleres somos seres dos soños e dos abismos. A nosa eterna procura é Ser, chegar a Ser e vivir nun mundo que moitas veces se volve hostil, transitando preámbulos de guerra continuamente, mais sempre, as mulleres dan o paso da protección, do amor, do coidado da familia, da contención dos seus pequenos fillos enfrontándose á nova vida, a chamada do porvir", reflexiona a declaración publicada este luns.