Os activistas denunciaron os impactos da gandaría industrial

Roteiro reivindicativo pola Limia do movemento Plantámonos

Tras unha fin de semana intensa dedicada á formación e coordinación interna, a segunda xuntanza do movemento estatal Nos Plantamos/Plantámonos, que se celebrou en Allariz dende o venres 18 ata o domingo, culminou cun roteiro reivindicativo pola comarca da Limia. Este percorrido buscaba expoñer de primeira man os impactos negativos da gandaría industrial na zona.

Durante o encontro, leváronse a cabo dinámicas e formacións para establecer estratexias que permitan denunciar os efectos sociais e ambientais do modelo agroindustrial. Tamén se abordaron os seguintes pasos para avanzar conxuntamente cara unha transición agroecolóxica baseada na soberanía alimentaria, presentándose como alternativa ao modelo actual.

O colectivo manifestouse a carón do Limia, en Ponte Liñares. 

As actividades incluíron talleres de comunicación e estratexias de mobilización, nos que os participantes traballaron en grupos sobre diversos temas, como a defensa dunha alimentación sa e sustentable ou os retos sistémicos que dificultan o avance da agroecoloxía.

O domingo, último día do encontro, o grupo participou no roteiro "Outra Limia é posible", que comezou ás 10:30h na Torre da Pena, dende onde se observou o que foi a lagoa de Antela. Serafín González, científico do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), foi o encargado de guiar o grupo, denunciando a contaminación por nitratos na Limia, problema que xa chegou a institucións europeas, que constataron prácticas ilegais na zona.

A Torre de Pena foi o inicio da ruta pola Limia.

A lagoa de Antela, outrora de gran valor ecolóxico e humano, foi desecada baixo unha lóxica agroindustrial que, ademais de non deter o despoboamento, provocou graves danos ambientais. A desecación da lagoa transformou a zona nunha terra árida e empobrecida, favorecendo unha agricultura insustentable e un crecemento das granxas intensivas que afectan gravemente a calidade da auga e o solo.

O roteiro finalizou en Ponte Liñares, onde se destacou o nivel de contaminación da auga do río. Samuel Formoso, gandeiro do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), ofreceu unha reflexión sobre o modelo agroindustrial e expuxo a alternativa da agroecoloxía. Alí tamén se procedeu á lectura das conclusións do encontro, enfatizando a importancia de visibilizar os efectos destrutivos da agroindustria e destacar as alternativas agroecolóxicas que coidan o medio ambiente e a saúde das persoas.

Samuel Formoso na súa intervención durante o roteiro pola Limia.

 

Ao mesmo tempo, activistas de Plantámonos/Nos Plantamos levaron a cabo unha acción nas inmediacións das instalacións de Coren en Ourense, esixindo unha transición agroecolóxica e denunciando os impactos da industria agrogandeira. As activistas despregaron pancartas e devolveron 300 litros de puríns á empresa.

Desde Plantámonos reivindican que a saída á crise ecolóxica, enerxética e rural pasa por unha transición agroecolóxica que contemple a redución de agrotóxicos, a relocalización da produción alimentaria e unha aposta pola agricultura familiar e social. Só así "poderemos construír un sistema alimentario verdadeiramente sostible, resiliente e xusto", afirman.