Tras unha fin de semana intensa dedicada á formación e coordinación interna, a segunda xuntanza do movemento estatal Nos Plantamos/Plantámonos, que se celebrou en Allariz dende o venres 18 ata o domingo, culminou cun roteiro reivindicativo pola comarca da Limia. Este percorrido buscaba expoñer de primeira man os impactos negativos da gandaría industrial na zona.
Durante o encontro, leváronse a cabo dinámicas e formacións para establecer estratexias que permitan denunciar os efectos sociais e ambientais do modelo agroindustrial. Tamén se abordaron os seguintes pasos para avanzar conxuntamente cara unha transición agroecolóxica baseada na soberanía alimentaria, presentándose como alternativa ao modelo actual.
As actividades incluíron talleres de comunicación e estratexias de mobilización, nos que os participantes traballaron en grupos sobre diversos temas, como a defensa dunha alimentación sa e sustentable ou os retos sistémicos que dificultan o avance da agroecoloxía.
O domingo, último día do encontro, o grupo participou no roteiro "Outra Limia é posible", que comezou ás 10:30h na Torre da Pena, dende onde se observou o que foi a lagoa de Antela. Serafín González, científico do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), foi o encargado de guiar o grupo, denunciando a contaminación por nitratos na Limia, problema que xa chegou a institucións europeas, que constataron prácticas ilegais na zona.
A lagoa de Antela, outrora de gran valor ecolóxico e humano, foi desecada baixo unha lóxica agroindustrial que, ademais de non deter o despoboamento, provocou graves danos ambientais. A desecación da lagoa transformou a zona nunha terra árida e empobrecida, favorecendo unha agricultura insustentable e un crecemento das granxas intensivas que afectan gravemente a calidade da auga e o solo.
O roteiro finalizou en Ponte Liñares, onde se destacou o nivel de contaminación da auga do río. Samuel Formoso, gandeiro do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), ofreceu unha reflexión sobre o modelo agroindustrial e expuxo a alternativa da agroecoloxía. Alí tamén se procedeu á lectura das conclusións do encontro, enfatizando a importancia de visibilizar os efectos destrutivos da agroindustria e destacar as alternativas agroecolóxicas que coidan o medio ambiente e a saúde das persoas.
Ao mesmo tempo, activistas de Plantámonos/Nos Plantamos levaron a cabo unha acción nas inmediacións das instalacións de Coren en Ourense, esixindo unha transición agroecolóxica e denunciando os impactos da industria agrogandeira. As activistas despregaron pancartas e devolveron 300 litros de puríns á empresa.
Desde Plantámonos reivindican que a saída á crise ecolóxica, enerxética e rural pasa por unha transición agroecolóxica que contemple a redución de agrotóxicos, a relocalización da produción alimentaria e unha aposta pola agricultura familiar e social. Só así "poderemos construír un sistema alimentario verdadeiramente sostible, resiliente e xusto", afirman.