A Xunta de Galicia iniciará en xaneiro unha nova ruta de A Furgoteca que chegará a dez concellos da zona occidental de Ourense e completará o servizo de bibliotecas móbiles do rural que funciona dende o 2023. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reuníase coa alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, onde terá a súa base o novo vehículo que se suma ás dúas rutas que xa existían.
O representante do Goberno galego destacaba que "ampliamos a oferta con este novo servizo motivados pola boa acollida por parte das persoas usuarias ás que lle achegamos as función propias das bibliotecas en lugares onde non contan con estes equipamentos". Neste senso, a nova Furgoteca fará ruta nos concellos de Lobeira, Muíños, Padrenda, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea, ofrecendo os servizos da biblioteca móbil a un total de 11.233 persoas máis.
Durante o primeiro ano de funcionamento as bibliotecas móbiles, que estiveron presentes en 20 municipios de menos de 2.000 veciños, atenderon a 14.300 persoas e realizaron máis de 300 actividades de dinamización cultural. Precisamente as propostas de lecer son un complemento esencial no funcionamento das rutas e para esta terceira que iniciará camiño o 2 de xaneiro xa se elaborou un programa con distintas accións como contacontos, obradoiros de creación ou xogos infantís que comezarán xa neste mes decembro nas distintas localidades que comprende.
Dinamización cultural no rural
A iniciativa concorda cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada pola Xunta e que entrará en vigor nos vindeiros días, e que promove o acceso á cultura de todas as persoas facendo especial fincapé en paliar as limitacións xeográficas. As rutas de A Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte ou centros socioculturais. Na outra xornada achéganse ás aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.
Ademais, as bibliotecas móbiles van acompañadas de diversas propostas de lecer como obradoiros, contacontos, conferencias ou actuacións musicais, entre outras citas. Deste xeito, o servizo responde tamén á finalidade da Rede Adival de dinamización cultural no rural coa que o Goberno galego aposta por potenciar a programación cultural nas zonas non urbanas.