Bernardo Varela, portavoz do grupo provincial do BNG de Ourense, xunto aos deputados María Mangana e Xosé Manuel Puga deron a coñecer a proposta do BNG para facer fronte á situación crítica da comarca da Limia tras a inminente declaración como Zona Vulnerable por Nitratos (ZVN), unha mediada que afecta gravemente ao sector agrario e gandeiro da zona. O BNG considera que a falta de planificación e xestión está a xerar inquedanza no sector, que se enfronta a un posible aumento de custos de produción, novas obrigas burocráticas e posibles perdas económicas.
Desde o BNG esixen que a Xunta de Galiza dea a coñecer de inmediato o contido completo do Plan Estratéxico da Limia, elaborado xa en 2021, así como as medidas contempladas nel. Tamén demandan que a Deputación de Ourense ofreza a colaboración do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro para coordinar analíticas, controis e seguimento; así como ofrecer asesoramento técnico ás explotacións gandeiras e agrarias da comarca respecto das medidas que estableza o Plan de Acción correspondente.
Ademais, advirte de que as propostas da Xunta, como a creación de plantas de biometano, non solucionan o problema real da contaminación das augas por nitratos: "A Xunta pretende vendernos que esta declaración non terá consecuencias, pero é completamente falso. O sector agrario da Limia está en risco e desde o BNG non imos permitir que a Xunta siga agochándose sen asumir responsabilidades", concluíu Varela.
Denuncian falta de transparencia da Xunta de Galicia
Bernardo Varela aprovietaba para denunciar a falta de transparencia e a inacción da Xunta de Galiza neste asunto: "décadas de advertencias e estudos foron ignoradas pola Xunta, e chegamos a este punto pola absoluta deixadez do PP na Xunta". Para o BNG tamén quedan moitas cuestións sen resolver, como que organismos oficiais foron os encargados de realizar as analíticas, cal é o papel de Augas de Galiza, por que a Xunta agardou tres anos ou por que non se presentou o Plan Estratéxico da Limia nestes catro anos.
Varela criticou que o goberno galego non tomase medidas preventivas malia ter a obriga de actuar con antelación: "É inadmisible que a Xunta soubese desde hai anos que a Limia estaba en risco de ser declarada ZVN e que, en vez de actuar, simplemente agardase que o tempo resolvese o problema. Pero o tempo non arranxa nada, e agora chegan as consecuencias". Lembrou que, xa no pleno de outubro do ano 2022 da Deputación de Ourense, o grupo provincial do BNG presentou unha moción para a adopción de medidas urxentes ante o problema de contaminación nas comarcas da Limia e a ameaza de declaración das mesmas como zona vulnerable.
Crear unha comisión de seguimento
O portavoz provincial do BNG explicaba que se proporá unha comisión de seguimento entre a Deputación Provincial, Xunta de Galiza, concellos, IXP Pataca de Galicia, sindicatos agrarios e asociacións de empresarias/os da Limia para a redacción do Plan de Acción e o seu desenvolvemento nos seguintes catro anos. Ao tempo, demandará á Xunta de Galiza o establecemento de medidas de apoio económico, a través das axudas da Consellería do Medio Rural para plans de mellora de explotacións agrarias, que incorporen investimentos precisos para adoptar os requisitos ambientais precisos para a redución de emisión de nitratos a acuíferos.