jueves. 21.11.2024

Camilo Vila e Manuel Pozo, voceiro e vicevoceiro do Bloque en Xinzo, dedicaron a semana a traballar, en exclusiva, na defensa do sector primario local de cara á Comisión de Medio Rural que se celebrará o venres no Parlamento galego. Comisión na que Sonia Vidal, deputada nacionalista, defenderá un sector ameazado. 

Maite Joga e Laura Rodríguez, presidenta e xerente de Adegal, reuníronse con Vila e Pozo para traballar principalmente arredor de dous temas: a urxencia da publicación do Plan Estratéxico da Limia e a crise do mercado cárnico porcino a nivel internacional, así como a súa afectación na principal comarca agrogandeira de Galicia. Tanto o BNG coma Adegal consideran necesaria máis información sobre a ameaza de declaración de zona vulnerable, así como as medida recollidas nun Plan Estratéxico da Limia (PEL) que non foron aínda comunicadas. 

Tras a reunión, Camilo Vila lamenta que "a limpeza de canais e pistas é a medida máis simple e está paralizada pola torpeza dunha Consellería que quere que sexan as familias agricultoras e gandeiras quen se encargue do mantemento dunhas infraestructuras públicas, algo carente de razón e sentido". 

O BNG concluirá unha semana dedicada ó sector primario local coa intervención de Sonia Vidal no Parlamento galego, para reclamar compromisos reais da Administración para superar o delicado momento que pode afrontar a Limia. "A marca A Limia está en perigo e cómpre unha aposta polas familias produtoras e non abandonalas". Adegal e BNG reclaman coñecer xa o Plan Estratéxico para A Limia

NOTICIAS XINZO | Adegal e BNG reclaman coñecer xa o Plan Estratéxico para A Limia