A xente dispoñíbel nas confrarías do Nazareno e da Virgen de los Dolores non alcanza

AXENDA | A Igrexa necesita voluntarios para sacar todos os pasos de Semana Santa

Domingo de Ramos na Igrexa Vella, o pasado domingo.| FOTO: DdLi.

A parroquia de Xinzo de Limia necesita voluntarios para sacar os pasos nas procesións de Semana Santa. Tanto os tres párrocos nas celebracións destes días como as confrarías do Nazareno e da Virgen de los Dolores están pedindo xente. Jaime Collazo, un dos párrocos, explica ao Diario do Limia que, antes da pandemia, a organización das procesións dependía do traballo “dun cento de persoas”.

“Agora, despois de dous anos, a xente entra nunha idade e tamén veñen as doenzas, e o que antes eran quen de asumir as dúas confrarías, hoxe xa non dan”, di o cura. “Así que temos un problema, sobre todo, para a procesión do venres, que ademais se vai celebrar a unha hora tardía”. Este mesmo luns, os confrades do Nazareno e da Virgen de los Dolores. Necesítanse voluntarios, sexan ou non confrades.

A procesión do venres, a do Santo Enterro, recortou este ano o seu percorrido. Sairá ás dez da noite da Igrexa Nova e transcorrerá pola avenida até a estación de autobuses, para tomar cara a Igrexa de Santa Mariña, facer parada na praza Maior e regresar á Igrexa Nova. “Mesmo pensamos en cambiar os pasos e facelos un pouco máis lixeiros para poder levar algúns entre seis persoas”, di Jaime Collazo.

En calquera caso, os párrocos esperan unha notábel afluencia de fieis. Admite Collazo que se viron sorprendidos pola resposta do domingo, durante a bendición dos ramos e a misa posterior. E agardan que a Vixilia Pascual do Sábado Santo congregue tamén un gran número de veciñas e veciños. 

Os actos da Semana Santa en Xinzo continuarán este xoves coas confesións (Igrexa Nova, de 10:00 a 13:00 horas), a celebración da Cea do Señor, a procesión ao monumento e a procesión de Xesús (a partir das 20:00 horas), á Hora Santa (22:00) e a Adoración Nocturna (00:00 horas). 

Para o venres están prevista a Adoración (10:00 horas), o Viacrucis (12:00), a celebración da Pasión (20:00), antes do Santo Enterro.

O sábado celebrarase a Oración con María (10:00 horas), o Viacrucis parroquial (12:00), e a Vixilia Pascual (22:00). E xa o domingo, a Misa Solemne (12:00 horas). Ese día non haberá misa ás 9 da mañá, pero si ás 8 da tarde.