Achégase unha fin de semana con diversos concertos e actuacións musicais para os veciños e veciñas da comarca. Eventos que terán lugar en dous concellos conformantes da Limia, Xinzo de Limia e Vilar de Santos.
Sábado día 6:
O sábado dará inicio o programa "Novembro Musical", un festival que ofrecerá diversas actuacións musicais de bandas invitadas no Concello de Xinzo de Limia. Os concertos están organizados pola Agrupación Musical da Limia e celebraranse durante os tres primeiros sábados do mes de novembro en diversos puntos da vila.
Mañá terá lugar o "Festival de Bandas Escola" ás 16:00 horas da tarde na Igrexa Nova de Xinzo. Durante a sesión intervirán tres grupos convidados: A Banda Escola Municipal de O Porriño, a Banda do CMUS de Verín, a Banda da Escola de Boborás, e a agrupación local da Banda da Escola de Música da Limia. O festival xa se organizara con anterioridade noutros anos e calcúlanse que terá unha duración de dúas horas aproximadamente. A entrada será de balde sen necesidade de realizar inscrición previa.
Domingo día 7:
Para as 11:00 horas da mañá, A Arca da Noe de Vilar de Santos, organizará o "II Encontro de Percusión". Unha segunda edición do exitoso talller musical no que non fai falla ter experiencia, soamente se deberá traer da casa pratos, tixolas, cunchas ou calquera outro obxecto que sirva para crear ritmos.
No mesmo día, a taberna cultural celebrará no Espazo Carabunhas da vila "O Magosto da Arca en Carabunhas". Un pequeno festival que agrupará diversas intervencións musicais de grupos convidados. Como actuación estelar estará o grupo galego de folk Malvela, conformado só por mulleres de diversas idades. Tamén tocarán o grupo portugués Bugalhos e o dúo de As Estrelas Cantariqueiras.
As sesións musicais darán comezo ás 12:00 horas do mediodía. Por 20 euros por persoa poderase desfrutar dos concertos acompañados dunha comida típica do magosto, churrasco, chourizos e castañas. Deberase reservar entrada vía Telegram, Whatsapp ou SMS ao teléfono 699486282 ou ben contactando por Facebook coa Arca da Noe.