Remata o obradoiro de cestería no Museo da Limia e o curso da Universidade de maiores en Xinzo

AXENDA | Homenaxe musical á Revolução dos Cravos e jazz local para a fin de semana

Terra Morena, encargados de abrir a homenaxe á Revolução dos Cravos mañá na Arca.

A axenda cultural da comarca para esta fin de semana está marcada pola música. Despois do descanso da Semana Santa, o ciclo de jazz da Corte dos Bois (Sandiás) regresa cunha banda local, os Swinzzo. Na Arca da Noe non houbo descanso, e esta fin de semana continúan cunha programación intensa (hoxe mesmo, Antía Muíño, 21:30 horas, 20 euros) na que destaca o concerto de Pedro Pastor e a súa banda Los Locos Descalzos.

Swinzzo
A segunda cita da sexta edición do Ciclo de Jazz na Corte dos Bois presenta a Swinzzo, unha formación de afeccionados da Limia -tres guitarras, un baixo e un violín- que se reúne polo gusto de tocar xuntos e non concede entrevistas. Despois da apertura con Pablo Castaño hai dúas semanas, o festival xa rompeu o xeo despois de dous anos sen concertos e espera un peche de altura con Pablo Sanmamed Trío o sábado 30. Para o concerto de Swinzzo (mañá sábado, 21:00 horas) a entrada é gratis.  

Terra Morena e Pedro Pastor
Na Arca, mañá sábado, 23 de abril, é día de conmemoración musical do 25 de abril, da Revolução dos Cravos. Actúa Terra Morena, o trío ourensán que rende tributo a Zeca Afonso. Son Xico Paradelo, Bernardo Marques e Heitor Real. E a continuación, o cantautor madrileño Pedro Pastor coa súa banda Los Locos Descalzos. Música e compromiso da man do fillo de Luis Pastor (e sobriño de Pedro Guerra). Veñen a presentar o seu último disco: Vueltas. O prezo da sesión dupla deste sábado (13:30 horas) no espazo Carabunhas é de 20 euros (inclúe o xantar).

Museo da Limia
O Museo da Limia abre as súas portas como cada fin de semana o sábado e o domingo, en horario de 11:30 horas a 13:30, e de 16:00 a 18:00. Mañá pola tarde remata o obradoiro de cestería da man do artesán Sergio Moreno. As alumnas e alumnos elaboran un cesto coa técnica da Telada de Rairiz. Nas semanas vindeiras, os artesáns agrupados na asociación Limiar ofrecerán talleres de olería e construción de instrumentos musicais, entre outros.

Universidade de Maiores
A Universidade de Maiores termina o seu curso 2022 en Xinzo de Limia. Despois das xornadas sobre educación e cine, o curso deste ano péchase con dúas sesións sobre arte. Carolina Casal, doutora en Arte Medieval, falará pola mañá na Casa da Cultura sobre o románico, nunha conferencia titulada Dando luz ao románico... Escoitando o falar das imaxes petrificadas. Despois guiará as visitas a San Xoán de Vilar de Santos e a Santa Mariña de Xinzo de Limia