martes. 03.12.2024

esplanada da subida ao Castelo de Monterrei será o escenario para acoller o ciclo de concertos Xacobeo no Interior. O próximo 4 de agosto ás 20:00 horas, Uxía & Ruibal e Leilía ofrecerán os seus espectáculos musicais á veciñanza e a todos os que queiran participar nesta actividade cultural de balde.

Ana Rodríguez, unha das integrantes de Leilía, forma parte deste grupo íntegramente feminino des que se formou en 1989. Máis de 30 anos de historia nos que pasaron de ser unha novidade, apostando polo folk galego e a tradición oral, a converterse en referencias para as novas agrupacións que están xurdir con esta base.

Este xoves, Leilía volve ó Castelo de Monterrei. Como viven este reencontro?

A pesar dos 33 anos que levamos xuntas, a ilusión non nos faltou nunca. Agora volvemos ó Castelo de Monterrei, onde xa actuamos fai moitos anos e apetécenos moito porque o sitio é fabuloso.

No concerto presentarán "Vidas Cantadas" con temas vellos que recuperan. Que cambia neles?

"Vidas Cantadas" está composta por unha serie de melodías que, aínda que si se tocaron en concertos, en disco nunca se gravaron. O que fixemos foi darlle unha volta porque somos as mesmas, pero daquela sonabamos distintas. Son os mesmos temas, pero diferentes pola experiencia que ten Leilía despois de 33 anos. Volvemos ás orixes tendo en conta todas as vivencias e táboas que conseguimos neste tempo.

Foi complicado comezar no folk galego a finais dos 80?

Complicado non, máis ben foi algo novidoso que tivo unha moi boa acollida. No ano 89, cando decidimos apostar pola música tradicional, non había ningún grupo que se subira ó escenario para reivindicar o papel da muller creadora, conservadora e transmisora da tradición oral galega. Neso, Leilía foi pioneira e abriu un camiño. Moita xente descoñecía que a voz e a pandeireta, que empregaban as mulleres, eran o vehículo directo de divertimento das aldeas de Galicia, porque se unía só ó gaiteiro. Sumábase que só eramos mulleres e daquelas non había moitas, algo diferente agora. Xuntámonos seis nenas para abrir un camiño que ten un ronsel ao que se van adherindo outras formacións, o que amosa que a música está viva e que este país respecta o propio.

Houbo un antes e un despois?

Creo que somos responsables do cambio no panorama musical galego. Agrupación que miraban cara Irlanda ou Bretaña. Nós demos a coñecer o que había nas aldeas e mudou a perspectiva. Ao longo de todos estes anos a evolución foi moi grande e xurdiron moitos grupos. Emprendimos un camiño que era necesario, no noso caso con traballos coherentes, para que a música do pobo volvese ser do pobo. Estamos orgullosas do que outras agrupacións están a conseguir porque parte do seu camiño xa estaba arado por xente coma nós.

Agora a música galega parece estar nun punto álxido. A que se debe?

Nestes tempos dispoñen máis do efecto das redes sociais. Nós temos viaxado moito e dado concertos en países de América e do resto de Europa, pero a diferenza é que agora tes o poder das redes. Eu recordo estar nalgúns festivais de Alemaña, con cheos absolutos, e sacabas unha foto para tela no recordo. O bum axuda á dinámica, pero a música galega xa ten moito percorrido. Nos últimos anos agromaron bandas con poder mediático e iso permite dar a coñecer a nosa música e que a xente a recoñeza como propia.

Como foi o proceso de descubrir todas esas cancións que forman parte da identidade dos galegos?

Estas coplas que facemos nosas amosan como era o divertimento nas aldeas de Galicia, que as coñecemos grazas a mulleres anónimas que de xeito altruísta nos ensinaron a tocar e cantar. Leilía recolleu todo iso de primeira man nas aldeas, ás que nos desprazamos para gravar durante moitos anos. Detrás do que se ve nun escenario hai moito traballo para darlles unha vida a todas elas. Para nós, é moi meritorio que despois de 33 anos sigamos defendendo o cremos que hai que defender, a nosa tradición oral.

Cal é o segredo para manterse xunta despois de tanto tempo?

Só tivemos dúas baixas temporais nestes 33 anos e foi por maternidade. As compañeiras logo incorporáronse de novo e seguimos xuntas. O segredo de que siga sendo así, creo eu, é que somos moi distintas, moitísimo. Somos unha paleta de cores na que non pode faltar ningunha, porque xuntas compoñemos un arco da vella e aportamos todas.

O traballo de Leilía ten un forte compoñente feminista que ensalza a figura da muller galega.

Desde logo, porque a muller era a que quedaba na casa, non emigraba nin ía ó mar ou á sega a Castela. En Galicia a muller coidaba da casa, da familia e da terra, incluso ata se encargaba do divertimento. Cada unha delas era unha súpermuller que fixo de todo e tendo que facelo ben.

ENTREVISTA | Ana Rodríguez, de Leilía: "Abrimos o camiño para que a música do pobo...