FESQ22 🐺 | O caldo da Toña é para agosto
FESQ22
Antonia Márquez, a Toña, leva máis de 30 anos vivindo en Xinzo de Limia. E levará uns 20 facendo o caldo máis famoso da Festa do Esquecemento, unha apócema reparadora que cociña no fogo dos castrexos, bando ao que pertence desde que comezou na Festa, moi ao principio. “Foi xente da cuadrilla. Empezáronos a comer a cabeza. Temos que ir, temos que ir... Pois veña! Era o segundo ano que se facía a Festa. Uns chegamos vestidos de romanos; outros de castrexos. Nin sabiamos o que nin como... Por fin ao ano seguinte xa fomos en formos. Eliximos ser castrexas. E o grupo foise ampliando. Xa non veñen os nenos. Medraron, claro, e eles fan a súa propia Festa”.
Algunha xente desconectouse con isto da pandemia. Este ano non chegarán a dez no grupo. Xa non dormen na caseta. “Ao comezo si, pero os anos pasan...” A caseta é como un paraugas: varas arredor dun poste central que se van cubrindo de sacos e mallas. Na caseta haberá mesa e cadeiras para as comidas e recibir ás visitas ou simplemente pasar o tempo entre conversas. Chegaron a montar un anexo, “rectangular”, o almacén-cociña, tamén foi dormitorio.
“Deixamos de levar a cociña de butano e cociñabamos o que podiamos no exterior cando deixaban facer lume, pero a verdade é que nos limita bastante. Non sei que normas haberá este ano. Pero seguro que teremos empanadas, embutidos da casa, queixo... Se se pode, un día faremos un churrasco e o domingo, a paella, que lle toca aos homes”.
“Pensamos en facer un prato galego, pero dubidamos co caldo... O caldo no mes de agosto parece que non ía sentar ben. Haino que comer quente”.
“Somos un pouco comedor-social”, brinca a Toña. “Levamos comida dabondo e levamos traballo... Unha vez que estás, que máis che dá poñer para catro que para oito. Así que por a caseta pasan coñecidos e descoñecidos”.
O caldo da Toña é o prato estrela da caseta e das madrugadas do Esquecemento. “Pensamos en facer un prato galego, pero dubidamos co caldo... O caldo no mes de agosto parece que non ía sentar ben. Haino que comer quente”.
“Fixémolo un ano e foi un éxito. Non ten nada de especial. É o caldo de toda a vida: lacón, cachucha, pé, orella... porco. Bótanselle as verduras e as fabas, malpísase todo e cómese”. O caldo é cousa da Toña. Un par de potas grandes que empeza a ferver á mañá cedo. “Estou todo o día. Non estou todo o día remexendo nel, pero si que se vai cocendo, sacando e poñendo”.
Este ano haberá un cambio no servizo. Cada un deberá traer a súa cunca ou recipiente para tomar o caldo. Cousas da covid, explica a Toña.
A sona do caldo da Toña percorre as festas romanas na Península. Antonia Márquez conta como os grupos de romanos que viñan á Festa desde Cartaxena degustaban o caldo con deleite. “Eran grupos grandes e eu non tiña cuncas para tantos. Algúns puñan o vaso do ‘cubata’. Pensarían que era un caldo limpo. E cando vían aquilo... Era probalo e todo para adentro”.
O caldo da Toña recoméndase especialmente a determinadas horas “despois de soplar”, di a Toña rindo. “Din que os cura, que os recompón”. A noite, a partir das doce, aumenta a demanda. Pola mañá, moi cedo, a Toña regresa ao campamento para ter o caldo a primeira hora. “Teño clientes de todas as idades. Normalmente todo o mundo se porta ben”. Este ano haberá un cambio no servizo. Cada un deberá traer a súa cunca ou recipiente para tomar o caldo. Cousas da covid, explica a Toña, que quere seguir colaborando a prol da saúde: “A máis que a un e que a dous lles aforramos ter que acudir aos servizos sanitarios”.
“É o caldo de toda a vida: lacón, cachucha, pé, orella... porco. Bótanselle as verduras e as fabas, malpísase todo e cómese”
Ademais do caldo, a Toña goza da Festa visitando outras casetas, participando dos desfiles, recibindo xente, negociando rescates nos secuestros. “Facemos o regateo, como nas feiras. Sempre se chega a un acordo”. Despois de dúas décadas, a Toña gústalle “todo” do Esquecemento. Mesmo facer os vestidos, malia aqueles coiros que xa resultan demasiado pequenos. Tamén, saír cando hai ocasión cos da Asociación Civitas Limicorum.
Alguén lle propuxo unha vez facer unha festa do caldo no inverno. Mais a Toña dixo que o seu caldo é para agosto, onde o río, no Esquecemento, prato de gusto, exclusivo.