“Toda a historia da pre-romanización foi construída polos romanos. Non temos outras fontes, e debemos ter a prevención de saber que estas fontes teñen o seu nesgo”, di Lucía Martínez, historiadora e autora dos textos da exposición A Limia Castrexo-Romana, que se recollen, en versión ampliada, nunha publicación que levará o mesmo título. É o último intento de dotar de profundidade histórica unha festa, a do Esquecemento, que se labra un carácter singular.
Lucía Martínez é consciente da finalidade do seu traballo, e comparte a necesidade de re-descubrir a Festa do Esquecemento afondando no coñecemento dos mundos castrexo e romano. “Non sabemos se o cruzamento do río se produciu aquí, nas terras dos límicos, ou noutro punto do Limia. Puido ser en calquera parte, e de feito hai tradicións semellantes a esta en vilas do curso portugués”, comeza. “Pero o que si sabemos é como vivían, en que crían, como se organizaban romanos e castrexos... dos castrexos, claro, as referencias que temos son todas de fontes romanas, e resulta inevitábel que os romanos viran aos castrexos, en certa maneira, como uns salvaxes”.
Con esas prevencións, Martínez recolleu o encargo da nova directiva da Asociación Civitas Limicorum e púxose a reconstruír aqueles mundos que se enfrontaron primeiro e acabaron mesturados na Limia, como no resto da Gallaecia e na Península toda. Ademais, tamén tiña unha conta pendente coa recreación de época que se fai no Esquecemento: as vestimentas. “As de romanas e romanos, non están mal. Temos fontes directas e algúns exemplos noutras recreacións como as de Lugo, Cartaxena ou Astorga... Pero as vestimentas de castrexos, esas peles de animais! Iso non. Non estamos na Idade de Ferro. A cultura castrexa non só curtía o coiro, tamén traballaban as teas e as tinturas”.
Di a historiadora que nesa faceta da recreación é onde “máis queda por facer”, e pensa que ademais da exposición e da revista, novidades este ano, hai que insistir a través de folletos e outras publicacións divulgativas “para evitar anacronismos”. Para iso serve a ciencia, lembra Lucía, que traballa como profesora en Xinzo, “para situarnos, entender o contexto, canto máis te empapes do que eran aqueles mundos máis vives a festa”.
A Festa acabará sendo tamén parte desa onda de reivindicación e recuperación dunha historia que está viva nas pedras e nas que outras vilas teñen avanzado moito máis rápido. Xinzo, que acaba de descubrir os restos do Castelo da Pena, vai máis amodo. “Hai castros sen escavar. Temos moito máis patrimonio do que se pensa. Aquí os romanos concederon a categoría xurisdicional de civitas, había un asentamento importante, sabemos de xacementos, algunhas estruturas que se conservan; sabemos que era unha zona de produción de trigo...”
Nun dos paneis da exposición descríbese así o inicio da conquista do interior da Península: "Vencida Cartago, os romanos inician un proceso de asentamento e penetración cara o interior da península. No seu discorrer, a gran abundancia de recursos foi algo que non lles pasou desapercibido, converténdose Hispania nunha das provincias que máis produtos exportaba. O máis importante sen dúbida foi o trigo, pero tamén moitas outras manufacturas coma o viño, o aceite ou a cerámica se comercializaban por tódolos dominios e sobre todo para abastecer a Roma, tanto pola vía tributaria como pola mercantil".
O mundo castrexo e a súa vinculación co legado céltico quedaron agochados nese relato romano. Mais as crenzas e os rituais recollidas polos historiadores romanos dan conta de certos paralelismos entre ambos mundos. A lenda do río do Esquecemento era unha lenda romana. O relato é, subliña Lucía Martínez, “un relato de superación”. Os romanos vencen os seus propios medos, avanzan (“non se sabe se houbo unha batalla do outro lado do río”, lembra Martínez) e rematan conquistando o Noroeste.
“Este traballo non é un traballo académico. Non buscabamos algo demasiado formal. Pretendemos divulgar a historia. E todo o que se conta ten unha base teórica sólida, por suposto. Pero trátase de facer chegar a historia, o contexto, a todos aqueles que participan da Festa do Esquecemento e tamén aos que visitan Xinzo ou a Festa eses días”, precisa a autora. “O resultado, en todo caso, como nun traballo académico, deixa abertas futuras liñas de investigación”. A historia non se detén, e cada ano o Esquecemento dará tamén pasos atrás para coñecer mellor o pasado. Esa é a idea, a da asociación e a de Lucía Martínez.