Un grupo de corenta persoas gozou este sábado dunha visita privilexiada ao Castelo da Pena (ex Torre da Pena, grazas ao traballo dun grupo de arqueólogas e arqueólogos nos duros meses do último inverno). Israel Picón, o director da intervención arqueolóxica máis importante en anos en Xinzo, contou con detalle como foron as cousas para descubrir a parte do castelo que agora pode verse ao pé da torre. “O relato histórico do que foi a torre e esas cousas podédelas ler nun libro. Eu vou contar como topamos isto”, anunciou. E cumpriu. Como testemuñas, Carlos Gómez (ex concelleiro de Cultura) e Manuel Seoane (arquitecto), dúas das persoas que se implicaron na obra.
Picón confesou que agora que están escavando no convento de Santa Clara en Pontevedra, adquirido polo Concello de Pontevedra, “parece que estamos de vacacións”. Picón e o seu equipo chegaron a Pena en novembro coa encarga de escavar dúas áreas: na parte suroeste e no interior da torre. “Traballamos en condicións moi duras, con frío e un vento constante”, explicou. “Case toda esta área foi escavada a man. As máquinas entraron despois”, dixo desde o centro dun habitáculo que describiu como a entrada principal do castelo e que ten muros de máis de dous metros de alto.
“Dentro da torre foi imposíbel. Hai que acceder desde arriba. O fondo está cheo de pedras enormes. Era moi perigoso”. E debuxou un rectángulo no chan. O cubículo no que durante uns días traballou un arqueólogo cando conseguiron retirar algunhas pedras e topar a base. “Estaba alí abaixo, e outro arriba retirando material, e as pedras sobre as cabezas“. Os responsábeis de Patrimonio da Xunta de Galicia entenderon que o risco era excesivo. “Pero como había un contrato para escavar dúas áreas, por iso pasamos a parte nordeste”.
“Dentro da torre foi imposíbel. Hai que acceder desde arriba. O fondo está cheo de pedras enormes. Era moi perigoso”. Os responsábeis de Patrimonio da Xunta de Galicia entenderon que o risco era excesivo.
“Descubrimos moito máis do que podiamos pensar”, confesou Picón. Empezando polo acceso. As escaleiras que hai anos construíra un obradoiro de emprego do Concello de Xinzo estaban precisamente sobre as instancias do castelo. O acceso é unha rampla desde o sur. E baixo ela hai restos do que pode ser a muralla. Pero esa parte non tocaba. Picón insistiu moito no que queda por escavar. Descubriron, cara o noroeste, un muro enorme. Hoxe a hedra parece unha ameaza para a estabilidade. Mais Picón tamén insistiu en que eles nin constrúen nin reconstrúen. Esa foi unha das condicións coas que optaron ao concurso. “Todo o que engadimos é co afán de consolidar. E está sinalado. O da hedra arránxase fácil cun mantemento periódico”.
Outras cousas non teñen arranxo. O espolio. “Esta foi, durante séculos, a canteira das vivendas da contorna“. E foino até que mediado o século pasado a Torre foi declarada BIC. Mais aí parou a cousa. Durante décadas a Torre foi todo. Mesmo hoxe os sinais seguen indicando os accesos á Torre da Pena. Xa é Castelo. E Picón anima ás institucións a facer cousas que hai que facer cara o futuro. “Non está clara a titularidade das parcelas lindeiras. Non sabemos até onde pode chegar o Castelo. Sería bo que a Xunta se preocupase de adquirir as fincas de arredor”.
A escavación parouse cando se terminou o orzamento. Aínda están pendentes de recibir a datación de mostras de pedras que enviaron a laboratorios fóra do país. Tiveron que escoller con coidado que material enviaban e cal non. “As probas custan 900 euros”. Picón sinala un lugar clave para a seguinte intervención, pendente aínda de concurso ao que a súa empresa podería optar de novo. O lugar é o espazo que queda entre a torre e as habitacións escavadas na cara suroeste. “Esta debía ser a parte máis vulnerábel do Castelo, hai pedras que topamos que aínda non sabemos que función tiñan. En realidade, todo o que sabemos agora é provisional, xa nos pasou no 2016, que fixemos catas, tiramos unhas conclusións, e despois tivemos que tirar ao lixo as conclusións. Pero imos estando certos dalgunhas cousas”.
Unha delas é que escavar o Castelo da Pena é un traballo complexo. As estancias do castelo, as murallas, os accesos... van quedando cousas ao descuberto. Outras están pendentes. Toparon un canón, que non saben se tiña un uso militar. Toparon cerámica, cristal, moedas, millo... aínda en datación. Mesmo toparon, dentro da torre, unha pía bautismal que tiveron que volver a colocar onde a toparon porque o Museo Arqueolóxico de Ourense non se facía cargo. Picón descubriu un tesouro da Limia, mais dá a impresión por como o conta de que está molesto porque as autoridades non lle dan o valor que ten e destinan os recursos que merece o achado.
Para setembro anuncia unha conferencia en Xinzo. Con máis información e con fotografías e imaxes de como foron os traballos e as cousas que se atoparon. O que se sabe e o que non se sabe.