Hoxe remata un obradoiro de integración que durante os últimos meses reuniu polas tardes na Casa da Cultura de Xinzo a mulleres inmigrantes e de etnia xitana. Empezaron acudindo en grupos separados, por un lado as xitanas, por outro as magrebís. Algunhas veces xúntanse. Nestas últimas semanas, María del Carmen, a monitoria e costureira, propúxolles ocuparse da confección de vestidos para a Festa do Esquecemento. Uns días antes do remate da actividade os traxes, unhas túnicas sinxelas, están case listos e a alcaldesa visita o taller.
Esta tarde as mulleres son todas magrebís. Hai un par de nenos, dous irmáns, que acompañan á nai. A alcaldesa conversa coa monitora mentres elas esperan ao redor dunha mesa, sentadas. Aínda non se decidiu que uso se lle dará ás túnicas. Algún grupo de músicos podería utilizalos, pensa Marcos Argibay, o presidente da Civitas Limicorum que tamén visita o taller. Son túnicas de cores escuras, unhas verdes, outras viño. A faldra está rematada por un tira amarela.
A Festa do Esquecemento xa conta con 30 traxes de romanos máis. María del Carmen encargouse do corte. Despois as mulleres, unhas dez ou 15 cada tarde, coseron e remataron. A colaboración entre a Civitas Limicorum, a asociación que organiza a Festa, prevista para o 19, o 20 e o 21 agosto, e o Concello de Xinzo de Limia leva bo camiño. Elvira Lama e Marcos Argibay falan a respecto dalgúns detalles da celebración.
María del Carmen conta que a confección dos traxes é sinxela, que do que se trata no taller, o que levan facendo desde outubro, e de se xuntar e falar, falar moito e de moitas cousas. “Hai un par de anos, Elvira [a alcaldesa] e Alberto [Martínez, o concelleiro de asuntos sociais] propuxéronme botar unha man aquí. Reunímonos e conversamos mentres facemos cousas. Ás veces falamos de cociña; outras de relixión ou de política. Agora acabamos o ano facendo estes traxes. A min a Festa do Esquecemento gústame. E coso moito para xente da casa ou amigas”.
María del Carmen fai traxes para o Esquecemento desde que comezou a Festa. “Un traxe ben feito leva uns días rematalo. Os de romano ou romana locen moito. Mais a min gústanme máis os de castrexo. Buscar as peles. Deseñalos. Dunha vez fixen un para a miña filla que ía sen costura ningunha, ía todo trenzado”. Para iso serve tamén a costura, para trenzar comunidades, unha necesidade en Xinzo, que a alcaldesa gusta definir como unha vila diversa. E así se celebrou o Orgullo Xitano no salón de plenos da Casa do Concello. E as comunidades reuníronse hai unhas semanas no Auditorio da Casa da Cultura.
O Esquecemento tamén é unha oportunidade para que o Concello achegue aos inmigrantes ás tradicións locais. O Esquecemento, a nova directiva, tamén fai esforzos por enriquecer esa tradición, contar a historia, abrirse a outros ámbitos de participación. Uns e outros ganan, opina Marcos Argibay.
ASTURES E ROMANOS
O Esquecemento tamén gaña recoñecemento fóra. A Civitas Limicorum recibiu un convite para facer parte da festa de Astures e Romanos, en Astorga dos días 28 a 31 de xullo. “O convite é para sábado e domingo tanto a castrexos, que serían os Astures, como a romanos”, explica Argibay, que espera conseguir organizar unha excursión “aberta a todos os socios que se queiran apuntar”.