jueves. 21.11.2024

Obra de José Manuel Formoso, Gory, o cartel recrea o paso aliñado das tropas romanas de Décimo Xuño Bruto camiño do río Lethes durante a invasión romana da Gallaecia. Son os romanos os protagonistas do aviso da Festa do Esquecemento deste ano 2022, que se celebrará en Xinzo de Limia os días 19, 20 e 21 de agosto, organizada pola Asociación Civitas Limicorum.

Na imaxe do cartel que difunde este martes o Diario do Limia, xornal oficial do evento, o Beltain, xefe das tribos castrexas que se enfrontarán aos romanos, e Décimo Xuño Bruto, cabeza das lexións romanas encomendado a conquistar a Gallaecia, sosteñen a publicidade intercambiando miradas desafiantes. É o anuncio dunha Festa que regresa con forza e ánimo renovado despois de dous anos e cunha directiva, a da Civitas Limicorum, disposta a lle dar un novo impulso.

“Para o deseño do cartel contei con total liberdade creativa, evidentemente, sempre representando o contexto histórico da festa. A idea foi a representación do avance das tropas romanas guiadas polo seu Xeneral a modo de ilustración vectorial”, explica José Manuel Formoso, Gory, de Planb Estudio Gráfico, autor do cartel 2022.

“Xoguei cunha cromática de cores cálidas, ocres, tons terra, así como unha textura de papel antigo queimado, para representar como as tropas romanas arraban os pobos e as terras ao seu paso, deixando un rastro de cinza”, resume Gory.

Os actores Óscar Tombo (o Beltain) e Carlos Otero (Décimo Xuño Bruto) vestíronse para a estrea do cartel e pousaron para a cámara de Noelia Caseiro nas primeiras imaxes do Esquecemento deste ano, que pretende recuperar para a Festa o seu carácter de recreación dun episodio histórico acontecido á beira do actual Limia ao redor do ano 137 a.C. Aí naceu a lenda do río Lethes, tal como o bautizaron os cronistas romanos, o río do Esquecemento.

A batalla de 2022 terá como escenario o Toural, onde se instalará un campamento castrexo-romano, “un dos máis grandes de Europa con 500 participantes”, subliñan desde a organización, durante toda a fin de semana. 

Xoguei cunha cromática de cores cálidas, ocres, tons terra, así como unha textura de papel antigo queimado, para representar como as tropas romanas arraban os pobos e as terras ao seu paso, deixando un rastro de cinza”, resume o autor. 

cartel esquecemento 444 (FILEminimizer)
O Beltain e Décimo Xuño Bruto, no primeiro desafío do FESQ22.

 

NOTICIAS A LIMIA | Xa está aquí o cartel da Festa do Esquecemento