domingo. 24.11.2024

A  Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática, aprobou a concesión de máis de 260.000 euros en axudas para cooperación cos concellos e deporte. Entre estas axudas está a subvención de 13.000 euros para o Concello de Xinzo de Limia con destino á Festa do Esquecemento deste ano.


No ámbito de cooperación cos concellos, na orde do día da sesión figuraba unha axuda de preto de 187.000 euros ao Concello do Carballiño para a renovación das instalacións do campo de fútbol de Espiñedo. Tamén se aprobou unha achega de 32.000 euros para traballos medioambientais en Carballeda de Valdeorras.  Aprobouse tamén unha subvención de 30.000 euros a favor da Federación Galega de Piragüismo para sufragar gastos de funcionamento e actividades a desenvolver durante a presente tempada. A relación de asuntos tratados complétase coa incorporación ao Plan Adicional do Plan provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial dunha obra no municipio do Carballiño. 


A Festa do Esquecemento, que volverá a celebrarse entre o 19 e o 21 de agosto despois de dous anos de suspensión a causa da pandemia, conta xa coas achegas do Concello de Xinzo de Limia e da Deputación Provincial, entidades que un ano máis son as principais fontes financeiras do festexo. Ademais, a nova directiva encabezada por Marcos Argibay, avanzou que os ingresos polas cotas de socios aumentaron. 


Segundo manifestou Argibay hai dúas semanas ao Diario do Limia, “o 70% do orzamento está atado, conseguido. Agora empezaremos a realizar as contratacións”. Polo momento, o programa aínda está en proceso de elaboración. A Asociación Civitas Limicorum xa abriu o prazo para que as artesás e artesáns que desexen participar no mercado Macellum empecen a contactar coa organización para reservar espazo para os seus postos.


O contacto pode facerse a través do mail [email protected]. O prezo será de 35 euros por metro lineal de ocupación durante os tres días que dura a Festa.

NOTICIAS A LIMIA | A Deputación aproba a axuda de 13.000 euros para a Festa do...