A Asociación Cultural Civitas Limicorum reúnese en asemblea este sábado para elixir unha nova xunta directiva. Catro persoas conforman a única candidatura que se formalizou. Está presidida por Marcos Argibay. Marcos ten 26 anos, naceu e vive en Xinzo de Limia e traballa no sector do transporte. Leva oito anos como asociado.
Que significa para vostede a Civitas Limicorum?
É festa pero tamén é cultura. No que penso inmediatamente é na historia. O que fomos, o que significou ese pasado e as razóns de por que esta terra foi unha terra de conquista, unha terra rica. Todo iso haino que poñer en valor, e aí a Civitas Limicorum ten un papel.
A festa, di a directiva saínte, esta garantida, hai cartos. Iso dá certa tranquilidade?
Até que entremos non podo contestar a iso. Sabemos que hai uns cartos que están na conta da asociación, pero descoñecemos, por exemplo, se se teñen feito os trámites para recibir este ano as subvencións do Concello e da Deputación.
Vai ser esa a primeira xestión que fagan?
Claro. Se podemos sentarnos co Concello xa a semana que vén, pois mellor. O Concello sempre achega unha subvención interesante, ademais do apoio loxístico. O que queremos é asinar un convenio que asegure a pervivencia da Festa do Esquecemento. Isto querémolo deixar feito en abril. O primeiro día que teña o mandato da asemblea para poder solicitar unha reunión, chamarei ao Concello de Xinzo.
Tamén falarán coa Deputación?
Si. E tamén coa Xunta. O Esquecemento ten xa máis de vinte anos. Estamos en disposición de conseguir a declaración de Interese Turístico a nivel galego. A nosa idea é empezar o traballo por aí, por conseguir uns apoios institucionais que brinden unha seguridade cara o futuro.
A anterior directiva confesou que as socias e os socios están un tanto apáticos, e que esa era unha das razóns para deixar paso... Ve así á asociación?
Somos unha asociación que hai dous anos tiña máis de 400 socios e hoxe anda polos 100. Entendo que foron anos complicados e a xente tivo a cabeza noutras cousas. O contexto foi malo. En calquera caso, a festa segue viva grazas a anterior directiva e a todas as que a traballaron antes. É lóxico que co tempo se perda o ánimo. E o intelixente é dar un paso a un lado.
Somos unha asociación que hai dous anos tiña máis de 400 socios e hoxe anda polos 100. O contexto foi malo. É lóxico que co tempo se perda o ánimo. E o intelixente é dar un paso a un lado.
Por que só catro persoas nesta candidatura?
Consideramos que non fai falta máis xente. Temos a intención de facer o traballo entre nós e pedirlle aos socios o menos posíbel. Penso que así evitaremos esa decepción da directiva saínte... temos que facer a festa para os socios, non son os socios os que deben facer a festa.
Ese foi un punto de discordancia estes últimos anos?
Os días da festa, alí no campamento, a convivencia foi unha marabilla. Estabamos todos unidos. Pero é certo que houbo diferentes puntos de vista o resto do tempo. Por que pasou? Pois realmente non o sei... é complicado de explicar. A intención e evitar que iso suceda de aquí en adiante.
Como vai mudar a organización?
A asociación non pode limitarse a facer a festa, non é unha simple comisión de festas. Temos que facer cultura todo o ano. Non só tres días. Pensamos en facer eventos. Unha actividade que está nos estatutos. Hai sete puntos nos obxectivos da asociación, e só un referido á festa. Pensamos en conferencias, presentacións de libros, obradoiros traballando o coiro.
A asociación non pode limitarse a facer a festa, non é unha simple comisión de festas. Temos que facer cultura todo o ano.
E que lugar ocupa a festa?
A festa subiu moito estes anos. Vai ser difícil que medre máis. Niso non nos enganamos. Neste punto o obxectivo é conseguir atraer máis visitantes e que toda a vila se beneficie. E para iso unha das cousas que temos que facer xa é reactivar as accións de márketing, empezando polas contas de Facebook e Instagram, que se abandonaron un pouco.
Que espera da asemblea do sábado?
Que sexa tranquila. Un traspaso de poderes tranquilo. Contamos con poder colaborar coa directiva saínte.