A Festa do Esquecemento 2022 está garantida. Polo menos, polo que toca á Asociación Civitas Limicorum. A directiva anunciou a súa dimisión o pasado martes. Mais o presidente, Iván Prado, e o secretario, Carlos Enríquez, confirmaron hoxe a este xornal que a festa farase haxa ou non relevo na asemblea que intentarán convocar o 25 deste mes. Entre outras cousas, porque por estatutos están obrigados a continuar se ninguén se presenta para substituílos, e tamén porque hai cartos na conta suficientes para ter a festa.
“Festa vai haber. Teñamos que organizala nós ou teñamos que lle botar unha man a quen veña, que lla botaremos porque a bagaxe destes anos está aí. E que ninguén se inquiete, somos perfectamente capaces de organizala aínda que só tiveramos mes e medio”, di Iván, que leva seis anos na directiva. Na caixa, ademais, hai cartos para “o básico”, algo máis de 8.000 euros. “Só con iso, xa se faría”, apunta Carlos, con catro anos no cargo.
Iván e Carlos andan estes días de reformas no seu local de hostalaría na praza Maior de Xinzo. Fan un descanso para atender ao Diario do Limia, que avanzou a noticia da dimisión da xunta o mesmo martes pola noite. “A decisión de dimitir xa a viñamos falando hai tempo, evidentemente. Pero quixemos deixar o exercicio pechado, por dicilo así, todas as contas e as cousas ordenadas. Unha vez que ese traballo estivo feito, anunciamos a dimisión”, explica Carlos.
Detrás desa decisión hai varias razóns que se apuntaban na carta aos socios deste martes. Iván abunda nelas. “Por unha parte está o cansazo. Se só fose ter conta dos cartos, pero é que nós tamén facemos moito labor para preparar toda a infraestrutura da festa, e iso permite aforros. Ademais, o grupo que traballou de verdade nos últimos anos era o da directiva, oito persoas; e por diversas razóns foise reducindo. Non é un reproche. Son cousas da vida, chega un momento en que simplemente xa non tes tanto tempo”.
A dimisión de toda a directiva non ten volta atrás. Ningún dos oito pensa continuar nunha nova xunta. Saben que hai socios -o colectivo case alcanza as cincocentas persoas- intentando conformar un grupo. En breve iniciarán o procedemento estatutario para convocar unha asemblea. Teñen en mente a data do 25 de marzo, venres. Ese día habería balance de contas e votación das candidaturas.
Hai unha razón máis fonda e ten a ver con certa frustración. “O movemento asociativo de Xinzo de Limia esmorece ou está a durmir. Non vemos interese ou compromiso por ningures. Somos sempre as mesmas persoas en todo”, di Carlos. O ano pasado, Iván xa dimitiu da directiva da Comisión do Entroido. “Non se trata de diferenzas, é bo que haxa moitos puntos de vista nun colectivo, ese non é o problema. Nin as críticas, que tamén son necesarias. O problema é que a xente quere as cousas feitas, mais que as fagan outros”, láiase Iván.
Din que eles, en determinado momento, pensaron que a Festa do Esquecemento debía chegar a converterse “en algo máis que comer e beber”. Pensaron nun evento cultural que reunise música, historia, etnografía... Tiveron, recoñecen, o apoio das distintas corporacións. Mesmo seguen intentando que a festa se declare de interese municipal.
Non se trata de diferenzas, é bo que haxa moitos puntos de vista nun colectivo, ese non é o problema. Nin as críticas, que tamén son necesarias.
Mais estes días, desde a dimisión até hoxe xa houbo tempo, apenas recibiron un convite informal “a falar do Esquecemento” desde o Concello. Entre os socios, tampouco se montou o rebumbio que esperaban. Quizais por ese adormecemento do que se queixan. “Haberá festa do Esquecemento, que ninguén se preocupe, porque a festa é un ben para todos”, din. “Esperamos que haxa tamén nova directiva, relevo”, reclaman.