A nova directiva da Asociación Civitas Limicorum, encabezada por Marcos Argibay, cubriu a súa primeira etapa na organización da Festa do Esquecemento 2022 cunha reunión onte coa alcaldesa, Elvira Lama, e co concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, na que o goberno local confirmou o apoio “na loxística” do evento, alén dos 5.000 euros orzamentados de subvención nominativa.
Ademais, Lama e Rodríguez informaron que a Deputación Provincial achegará a axuda dos últimos anos, uns 13.000 euros, co que, en opinión da directiva, “a festa está máis que garantida”. O apoio loxístico inclúe a colaboración do Concello de Xinzo para o acondicionamento do espazo do Toural, a divulgación do evento e a cesión de outros espazos para o mercado e a celebración de concerto e representacións teatrais.
O que non se pechou, como era a intención inicial da Civitas Limicorum, foi un convenio estábel entre o Concello e o colectivo. Marcos Argibay explicou este martes as razóns ao Diario do Limia: “Acordamos que non é urxente, que non é preciso ir a un convenio de mínimos agora, xa que a festa deste ano está garantida, e esperar e sermos máis ambiciosos”.
O presidente da Civitas Limicorum remarcou que “hai criterios coincidentes cara onde ten que ir o labor da asociación como dinamizador cultural e non como simple organizador da festa”, e engadiu que “a recepción das nosas ideas por parte do goberno local foi moi boa e pensamos que o convenio non é prioritario neste momento”.
Asegurado parte do financiamento para a edición de 2022, desde a Civitas Limicorum continuarán traballando noutras liñas de ingresos, ademais de “aproveitar este tirón inicial” para abrir o abano de actividades coa organización dun obradoiro no que se ensine a traballar o coiro (parte fundamental da vestimenta do Esquecemento) así como de “algunha charla” sobre a historia da Limia.
“Todo isto, antes do verán, a poder ser”, insiste Argibay, que pensa que este tipo de actividades poden axudar a reunir aos socios e “ir facendo equipo”.