Este ano o tradicional cruce do río Lethes do Esquecemento de Xinzo de Limia cambiou completamente o seu formato para se adaptar aos tempos da crise pandémica.
A famosa interpretación do xeneral romano Décimo Junio Bruto e o seu exército cruzando as augas do río limián tívose que celebrar sobre escenario e nun recinto pechado. Esta medida pillou a algúns asistentes por sorpresa -moitos non chegaron a tempo a ver o espectáculo porque estaban a agardar diante do paseo do río Limia tal como se facía sempre- .
A actuación iniciouse ás 17:00 horas na alameda do Toural e durou dez minutos aproximadamente. Nela interviron unha narradora e dous actores que interpretaron os papeis de Décimo Junio Bruto e dun centurión. Na obra os protagonistas amosaron unha versión reducida do que supuxo o cruce do río e a conquista do territorio celta.