A Asociación Civitas Limicorum abriu o prazo para que as artesás e artesáns que desexen participar no mercado Macellum, feira que fai parte das actividades da Festa do Esquecemento, empecen a contactar coa organización para reservar espazo para os seus postos. O prezo nesta edición será de 35 euros por metro lineal de ocupación durante os tres días que dura a Festa.
“Estamos vendo que lugares han ser os máis axeitados para instalar o mercado”, di Marcos Argibay, presidente da asociación. “Vai depender máis ben do número de postos, polo momento xa contamos con entre 15 e 20 que son os que veñen todos os anos. Pero pensamos que canto máis medre o mercado, mellor; porque pode ser un reclamo en si mesmo para que acuda máis xente a Xinzo esa fin de semana”.
Non hai máis condición para ter sitio no mercado que enviar un dosier sobre a mercancía (de elaboración propia) e estar ao día coas taxas e seguros. O mercado abrirá o venres pola tarde e permanecerá toda a xornada do sábado e do domingo. A organización tampouco estableceu polo momento límite ningún de prazas. As interesadas e interesados poden dirixirse á asociación a través do mail [email protected]
Nesta edición, ademais, a organización ten previsto dispoñer dun servizo de vixilancia nocturna para que os artesáns, que deixan a mercancía nas tendas, poidan pasar a noite máis tranquilos.
Argibay e o seu equipo, en apenas mes e medio á fronte da Civitas Limicorum, conseguiron reactivar o compromiso asociativo. Xa teñen uns 400 socios e socias coas cotas ao día. Tamén van recuperando a actividade nas redes sociais. Nas próximas semanas presentarán un cómic ao redor da Festa. O Esquecemento 2022, que se celebrará entre o 19 e o 21 de agosto, vai tomando corpo.
“Honestamente penso que estamos levando ben o traballo. Mais este ano imos estar un pouco limitados. O orzamento é moi semellante ao de hai tres anos, a última vez que celebramos. Pero a crise de prezos encareceu todo. Aí está o IPC, un dato obxectivo...”, comenta o presidente. E apunta: “O 70% do orzamento está atado, conseguido. Agora empezaremos a desenvolver o programa e a realizar as contratacións”.