O desfile inaugural celébrase ás 23:30 horas

#FESQ22 🐺 | Comeza o Esquecemento: que facer o primeiro día

Batalla entre os líderes castrexo e romano. | FOTO: Noelia Caseiro.

FESQ22

Comeza a Festa do Esquecemento 2022, tres días de troula co Toural como escenario principal a carón do Limia/Lethes peiteado para a ocasión polas brigadas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, cun novo campamento situado na zona arborada e co mercado xusto ao lado. Todo máis concentrado, espacial e temporalmente, en tres xornadas de venres, sábado e domingo. Un festexo para mozas e mozos que vai consolidando certas tradicións e asenta os seus piares sobre grupos de veteranos romanos e castrexos que edición a edición marcan o camiño. A Festa é troula e oportunidade para a convivencia en comunidade. A Festa é música e noites de verán, mais tamén unha ocasión para recuperar unha pequena parte da historia da vila, da Limia e do país agora que a Torre da Pena pasou a Castelo, agora que se abre unha senda para viaxar a través da paisaxe e do pasado de Xinzo pola Ruta da Portela que reivindica Trandeiras.

Comeza a Festa do Esquecemento 2022, tres días de troula postpandemia, unha necesidade social de demostrar que si se pode recuperar certa normalidade dentro das dificultades, de que Xinzo, as súas asociacións, empezando pola Civitas Limicorum, coa nova directiva de Marcos Argibay intentando imprimir un carácter distinto á celebración e colocala entre as festas históricas máis respectadas, están moi vivas e con ánimo de tirar cara adiante e que a cultura axuda e é imprescindíbel. 

Para hoxe está previsto un desfile moi especial. Será ás 23:30, nunha noite fresca despois de tanta calor, nunha noite de agosto despexada da ameaza da covid, despexada como eran as noites de agosto de antes da pandemia, as noites do Esquecemento que reunían romanos e castrexos, que traían a Xinzo grupos como a Percussio Praetoria, chegada directamente desde o Arde Lucus, igual que o clan castrexo de Lugdunum e a Cohors Lucensium Praetoria.

Para non se perder, a Civitas Limicorum xunta un mapa co programa. A primeira cita da primeira xornada será ás 20:00 horas coa apertura do Macelum, o mercado de artesanía que esta tarde empezará a montar os seus 27 postos, baixo as árbores do parque do Toural, un cambio de enclave que a organización espera que atraía máis visitantes e faga máis cómoda a visita. O mercado, que é un dos pulmóns da Festa, estará animado pola música do grupo Cidade de Antioquía. Haberá xogos para as cativas e cativos e obradoiros para todas as idades.

O outro pulmón, o campamento, lucirá as súas galas na alameda do Toural coas novas vestimentas romanas e castrexas e as novas construcións a partir das 20:30 horas. Está aberto ao público, a entrada é de balde e as habitantes teñen por costume a hospitalidade. No campamento, as carpas romanas están aliñadas en paralelo ao Limia/Lethes, cara ao norte. Diante, as construcións castrexas, chozas cada vez máis traballadas, cos seus muros de pedra e teitos de palla e fentos. Cada clan cos seus símbolos e nomes ben visíbeis. O campamento medrou. A organización inscribiu 16 grupos de romanos e 19 de castrexos, máis de 400 persoas. Instaláronse aseos públicos, ademais dos que xa ten a alameda, e haberá un bar que aínda onte remataba de encher as neveiras. Non estarán permitidas nin cacharelas nin lume para cociñar, como medida de precaución dado o risco de incendio, e o caldo da Toña servirase no recipiente que traia cada unha, como medida de precaución contra a covid.

Xa de madrugada, despois do desfile, celebrarase o Prendido do Lume Sagrado na praza de Carlos Casares. Será ás 00:15 horas, e apenas quince minutos despois producirase o seu traslado cara ao campamento noutro percorrido polas rúas céntricas de Xinzo. O grupo Cidade de Antioquía encargarase de poñer a música durante o traslado e na primeira noite no campamento. 

Todo Xinzo está decorado con motivos da Festa. A celebración ampliará as actividades a outros espazos a partir de mañá. Polo momento, a exposición histórica deseñada por Lucía Martínez xa está na Praza Maior, e no mercado estarán a disposición das visitantes as publicacións oficiais (cómic e revista) do Esquecemento, así como outros elementos de merchandising. Mañá sábado será a xornada de maior actividade, e o domingo, o día grande.