No garaxe da casa de Julio, romano que nunca falta á Festa, está todo preparado hai varias semanas. Despois dun par de anos sen Esquecemento, o seu grupo renovará parte do vestiario e lucirá como nunca nos desfiles. Mais hai elementos que se manteñen inalterábeis, un tanto enferruxados, como a espada que adquiriu por Internet e que fixo parte do atrezzo do filme The Fall Of The Roman Empire (A caída do Imperio Romano), unha daquelas épicas producións de Samuel Bronston rodada en Madrid e Segovia nos anos sesenta.
Hai outros, como o escudo co que participou nas primeiras loitas de gladiadores, que os días do Esquecemento, esta próxima semana, ficarán no garaxe xunto as fotos de cando foi masaxista no Antela. O tempo dos gladiadores pasou para Julio. “Estivemos indo ao ximnasio un ano enteiro para poder coa espada e co escudo. Aprendemos a marcar os golpes. Non era cousa de brincadeira porque as espadas eran de ferro. Algunha pequena lesión si que houbo”, di Julio Martínez Santana, de 76 anos, mentres se axusta un espléndido casco de lexionario romano para saír nas fotos do Diario do Limia vestido como a última vez que se vestiu para a Festa.
O traxe augusto: o peto cos seus adornos dourados, a capa até os xeonllos, o brazal curto, a faldra e o cinto de coiro, as sandalias... todo moi coidado. Julio pon xesto solemne e postura marcial para as fotos. No garaxe rexe unha orde meticulosa. Meterse na pel dun lexionario, cruzar o Lethes e vencer aos límicos é cousa seria aínda que sexa na Festa. “Castrexo ou romano? Primeiro teño que dicir que penso que é máis correcto falar de límicos, non de castrexos. Eu sempre fun romano, así me visto e así me sinto na Festa, de pés a cabeza”.
Julio leva na Festa desde que empezou, viviu unha morea de secuestros (“colles a un límico ou collen a un romano e lévano para a caseta do grupo e hai que ir negociar o rescate entre chanzas e chupitos de licor ou vasos de viño”) e agradece a camaradería e as ganas de troula dos da súa xeración (“Josita, Toña, Carlos, Juan... os que empezamos coa Festa”). Hai un cruzamento do río que sempre recorda: “Viña un límico cara a min, empezando a batalla, quixen parar o golpe, simulado, e xirei e caín á auga, co traxe, coa espada, coa plumaxe toda... rir rimos moito”.
No garaxe rexe unha orde meticulosa. Meterse na pel dun lexionario, cruzar o Lethes e vencer aos límicos é cousa seria aínda que sexa na Festa.
“Cando empezamos, alugamos un baixo e metemos alí os escudos, as espadas, era a nosa oficina. Mesmo houbo unha persoa atendendo aquilo durante seis meses para organizar á xente que quería participar. Mais apenas tiñamos traxes e saímos como se puido".
Nuns días, o seu grupo irá recoller todo o material da caseta á casa do Placer. Este ano anuncian unha fachada máis grande. Montarán todo nun par de tardes, e encherán “o arsenal” de bebida e comida. “É o que máis traballo dá: montar o campamento. Despois son tres días de troula”.
“Cando empezamos, estabamos o Placer, o Nitos, o Carlos Gómez e eu. Alugamos un baixo e metemos alí os escudos, as espadas, era a nosa oficina. Mesmo houbo unha persoa atendendo aquilo durante seis meses para organizar á xente que quería participar. Mais apenas tiñamos traxes e saímos como se puido, e nós mesmos puxemos as bandeiras e os estandartes por toda a vila. Eramos uns poucos, e mire hoxe... a Festa xa ten o recoñecemento de Interese Turístico de Galicia”, conta Julio Martínez.
O primeiro ano rematou cun incendio. “Un amigo meu, cando íamos desmontar as chabolas, cortou unha corda pegándolle lume cun chisqueiro. Ardeu todo. Mesmo lle tivemos que pagar os danos a Telefónica por 50 metros de tendido”. A historia persoal da Festa vaise enfiando con anécdotas, “como aquel ano que apareceu un home no mercado de artesanía cun viño elaborado ao xeito romando, dicía. Era un viño con mel. Despois souben que os romanos transportaban moito viño e para conservalo, entre outras cousas, botábanlle mel. Iso lin”.
“Eu vivo a Festa con certa tensión, pola implicación que teño, e con corazón”, resume Julio, que volverá cargar coa espada da película de romanos dos anos sesenta, vestirá capa nova, estreará tamén unha portada na caseta do seu grupo de romanos, participará de secuestros, chanzas e mollarase no cruzamento do río, beberá o caldo reparador da Toña e lembrará as cousas que pasaron nestes vinte anos de Festas, porque así son as cousas na Festa do Esquecemento, como en case todas as festas, un reencontro cos amigos e as lembranzas que os unen.