jueves. 21.11.2024

A Festa do Esquecemento 2022 empezou sen présa (como se fan as cousas na Limia e observa Juanma Quelle), cunha sesta despois do esforzo destes días. A esa hora, a da sesta, chegou a primeira furgoneta de feirantes para o mercado, artesáns asturianos do coiro. Colleron a Julio, o romano máis veterano, no campamento, coidando desa magnífica fachada da Legio IX Hispana. Preguntaban pola organización. Mais aínda era cedo para montar o posto. Así que fixeron o que moitos a esa hora, ir tomar o café antes de arrancar a tarde.


A tarde avanzou paseniño até a hora prevista, e ás oito o público, curioso, puntual, chegou para se pasear entre as tendas artesás: coiro, xoguetes, mel, roupa, adornos, xoias, doces... e no parque, máis curiosos aínda, cativas e cativos esperaban á hora dos xogos, do xogo da ra, dos zancos, das bolas e un carrusel “de época”. Do outro lado do parque, no campamento, castrexas e romanas maquillándose, as máis mozas vestidas xa desde moito antes, inquietas sen saber que facer mentres chega o desfile, e antes as fotos, a televisión, as visitas. E o bar que abre con tempo e se converte no primeiro punto de reunión. Non hai présa porque o traballo grande está feito. A Limia non ten présa porque sempre é puntual. Como eran a calor, a auga, o verán e o inverno até non hai moito.


Ás once e media, despois da cea, no campamento estaban os grupos vestidos, organizados, cos seus estandartes, cun punto de excitación despois de anos sen romanos e castrexos polas rúas, cunha (leve) sensación entroideira, o Esquecemento é outra cousa... É emocionante á súa maneira. O campamento ateigado. Centos (literalmente) de mozas e mozos, e maiores, desfilando cos seus traxes. Buliciosos os castrexos, marciais os romanos, con Décimo Xuño Bruto e as vestais moi metidos no seu papel, e unha lexión lucense que impresiona e marca o paso cos seus tambores. E detrás os máis mozos, máis tímidos, recibindo os aplausos da xente que enche as beirarrúas. O desfile é presentación e promesa. A Festa xa empezou, case sen querer, sen présa. 


“Lume!”, berran castrexas e castrexos na Carlos Casares á entrada dos primeiros romanos. Ameazan coas lanzas e estandartes e as espadas levantan chispas do chan. Bulla. Empezou a Festa. Os tambores da Percussio Praetoria equilibran as forzas. Os romanos avanzan. Diante da Casa da Cultura está aberto o templo onde soben os estandartes e falan as vestais as primeiras convocando as ansias festeiras, e se desafían o xefe castrexo e Décimo Xuño, que ten moito menos crédito entre a masa e sorrí un intre porque lle custa dicir o seu discurso. O romano gaba a beleza da paisaxe e os bandos toman posicións dun e doutro lado do Lethes. Préndese o Lume Sagrado. 

Non hai présa porque o traballo grande está feito. A Limia non ten présa porque sempre é puntual.

CRONICA venres fesq22 Noelia (FILEminimizer)
Cerimonia do Lume Sagrado, onte. 


O SÁBADO
Hoxe, na segunda xornada da Festa, haberá homenaxes na entrega dos Premios Bispo Idacio (ás 12:30 no campamento do Toural), e a Cohors Lucensium Praetoria de Lucus Augusti desfilará polas rúas do centro (13:00 horas). Para as 13:30 horas está prevista a loita de gladiadores na Praza Maior.


Pola tarde, pola tarde haberá Xincana polas rúas do centro e ás 17:00 horas no espazo de xogos infantís do parque do Toural actuará o grupo Lirolaio. Ás 18:00 comezarán os xogos tradicionais no campamento e unha hora máis tarde o grupo Lugdunum realizará un obradoiro de chaveiros con simboloxía celta no parque. A esa mesma hora, ás 19:00, volverán os gladiadores á Praza Maior.


O Gran Desfile da Festa do Esquecemento terá lugar ás oito da tarde. Ás 23:30 empezará o concerto de Pelepau e, de madrugada, haberá vodas castrexo-romanas no campamento (00:45 horas) e unha queimada popular (01:30 horas).

#FESQ22 🐺 | Crónica do Venres – Lume