jueves. 21.11.2024

Neste mesmo mes, fai cen anos nacía no lugar da Pereira, Concello de Rairiz de Veiga, un cativo chamado Antón Tovar Bobillo. Un home que adicou a metade da súa vida á escritura deixando un legado de nove libros de poesía en galego e sete en castelán, ademais dalgunhas obras de narrativa e ensaio. Os seu textos eran principalmente existencialistas, con toques de pesimismo, intimismo e crítica social. Tal foi a súa pegada que chegou a ser membro honorífico da Real Academia Galega.

Nesta data tan especial, o presidente do padroado do Museo da Limia, Delfín Caseiro, decidiu escribir un texto para rememorar a figura do poeta, e aproveitou para recordar a petición conxunta na que se solicita que se lle adique o Día das Letras galegas ao conmemorado. Os irmáns vivos de Tovar, ademáis doutras figuras ilustres e coñecidas da comarca da Limia, coma Edelmiro Cerredelo ou Xosé Antón Jardón apoian a iniciativa.


CENTENARIO DO NACEMENTO DE ANTÓN TOVAR

"A familia materna quixo que Antón Tovar viñese nacer, hai un século, á Pereira (Rairiz de Veiga), na casa-comercio de fartura dos Bobillo. Espazo das conversas da vida, escola da fala-patria, foro social e lúdico que non pecha nunca as portas. Solaina de pedra para a contemplación da veiga fecunda da Limia, mentres a terra fai o seu traballo calado. Manancial de fantasía do que abrolla a angueira por explicar o mundo, por desvelar os enigmas da condición humana, por iluminar e entender a existencia.

A Limia faise paisaxe de voces e imaxes amigas en que se vén serenar a alma mancada do creador da Pereira. O paraíso limiao de gozos e ilusións infantís é un dos destinos máis visitados por evocacións e lembranzas enfiadas no silencio do cuarto íntimo da reflexión existencial. Os nons, os berros en voz baixa e a nada destemida, os calados esconxuros e os aguzados esgutíos que animan os bugallos, os camiños de terra da memoria, as canas lenes dos salgueiros, as fendas dos pacientes carballos, as nichas floridas da patria das emocións. Palabras labradas co arado do que turra xugada de bois marelos, o Querer e o Saber, dan colleita eterna para os moradores do territorio.

A Pereira, capital da animación e da prosperidade, desperta a envexa dos lugares da contorna. A Pereira animada, dun tempo case sen tempo, tempo de harmonía, de acougo, devalando devagar, a paso de boi. As horas pasan calmas e gratas na infancia-adolescencia, atalaia desde a que o ollar albisca a quietude da chaira fascinante e dos xigantes bois pétreos que a gardan, o andar do formigueiro humano á procura da vida para o tempo das augas. Abrazo de luz ardente co sol venerado, que quenta corpos e almas.

Fundido coa natureza, o poeta está nas prazas de pan e nas de patacas, nos lameiros brandos, no outono, na néboa, no vento, … na fala labrega da terra, lingua-escola e lingua-patria. Comuñón íntima e permanente coa terra, unha das poucas certezas da existencia, síntese de ledicia e melancolía, que se fai nova patria en que agarimarse, en que aliviar o sufrimento da saudade, en que encontrar remedio para as feridas do sentir.

O mundo campesiño é realidade omnipresente, dunha forma ou doutra, en poemas e prosas. O rexistro lingüístico dos seus textos incorpora abundantes trazos dialectais e particularidades expresivas do falar limiao. A súa fidelidade á fala vai constituír unha das moitas concrecións do seu compromiso permanente coa humanidade. O galego da aldea desperta grande interese no Tovar adolescente. Andando o tempo, esta vocación filolóxica levarao mesmo a elaborar un dicionario ideolóxico que fica inédito. O poeta traballa na procura da palabra e da expresión auténtica, rexeitada polos poderosos, tesouro que segue a gardar a voz das persoas de lealdade. O escritor séntese pastor e labrego das verbas da casa.

Toda a obra creativa de Antón Tovar, feita de sentimento e sinceridade, de fermosura e vida, conforma unha auténtica autobiografía, externa e interna, máis explícita nos libros de memorias.

Celebrarmos o centenario da súa nacenza tráenos espléndida oportunidade para nos asolagar na beleza verbal da súa memorábel obra artística, contribución de calidade ás letras galegas."

 

Delfín Caseiro,
Presidente do Padroado do Museo da Limia.

NOTICIAS A LIMIA | Conmemoración do centésimo aniversario do poeta limián Antón Tovar