jueves. 21.11.2024

A Unió Musical Centre Històric de València foi a gañadora onte da Sección Terceira do 134 Certamen Internacional de Bandas de Música ‘Ciudad de València’ que se celebra no Palau de les Arts de Valencia. A Unió Musical do Centre Històric recibiu 363,5 puntos. A Asociación Cultural Banda de Música de Zamora, dirixida polo celanovés Manuel Alejandro López, ficou na segunda posición con 329 puntos, e a Sociedad Musical y Cultural San Blas de Teresa de Cofrentes (Valencia) foi terceira con 290 puntos.

A web oficial do Certame só ofrece as puntuacións das tres primeiras clasificadas. A Agrupación Musical da Limia, baixo a dirección de José Luis Tielas, que interpretou, ademais da obra común (Retratos de España, de Teodoro Aparicio), o pasodobre Camino de Rosas de José Franco RIbate e, como obra libre Spirited Away de Joe Hisaishi e Yumi Kimura (da banda sonora do filme A viaxe de Chihiro) quedou fóra do podio, xunto a banda de música de Tolna (Hungría) e a Unión Musical de Santa Cecilia de Castellar-Oliveral (Valencia). 

A Unió Musical Centre Históric de València sucede no palmarés desta categoría á Banda Sinfónica de Paipa (Colombia), vencedora en 2019, na anterior edición na que a banda gañadora onte terminara na terceira posición. 

O xurado estivo formado por Isabelle Ruf-Weber, Mónica Giardini, Juany Martínez-de la Hoz Casas, Felix Hauswirth, Sergi Pastor e Ángel López Carreño. A dotación do primeiro premio foi de 3.000 euros.

NOTICIAS A LIMIA | A Agrupación Musical da Limia, fóra do podio en Valencia