jueves. 21.11.2024

"O concerto é unha escolma poética desde Rosalía até autoras de hoxe en día, como Olga Novo, Marta Dacosta, Olga Patiño... pasando por Manuel María. E todo o canto vai acompañado con instrumentos tradicionais, principalmente zanfona, pandeireta e pandeiro; tamén, pode, que algo de gaita", comenta Luís O Caruncho, músico da costa atlántica que regresa -Os Carunchos pasaron pola Arca da Noe este pasado mes de agosto- a Vilar de Santos mañá sábado (20.30 horas, cea-concerto).


Desta volta, Luís vén só. O concerto encádrase na Primeira Travesía de 2022: Janeiro, un programa que continuará xa o domingo (día 9) con Daniel Guantes; Keltikos (o sábado 15); B&N Blanco e Negro, Víctor Movilla e Miguel de Flores (o 22); e Roberto Sobrado, Belém de Andrade, Quico Baleiras e Vítor Vinhal (o domingo 23).


Despois de actuar cos Carunchos en Bembrive, Matamá, Areas... e ter que aprazar a última hora en Cervo, o pasado día 2, Luís O Caruncho ofrecerá na Arca o seu primeiro concerto de 2022. “En Cervo chamáronnos catro días antes para avisar que non se podía facer polo asunto da covid. Estanse programando concertos, mais sempre con esa incerteza. Espero que este ano empecemos por fin a poder actuar con normalidade”.

Luís O Caruncho. Arca da Noe. Vilar de Santos (1)Luís O Caruncho. | FOTO: cedida.

Para mañá na Arca, “un espazo que é unha marabilla, pola súa programación e polo atrevemento de facer cousas no rural", Luís avanza que haberá pezas do repertorio tanto da Coral de Ruada como de Faustino Santalices, o zanfonista de Bande, “dous emblemas ourensáns da música do país”


Luís O Caruncho, como solista, aínda non ten decidodo se gravará algún disco este ano. “Material teño, podería facer algo centrado nunha autora concreta, ou quizais unha escolma de varias... mais non o teño decido”. Cos Carunchos, o grupo, acaba de sacar disco, Lingua de Xigantes, que xa se escoitou na Arca, onde mañá Luís será o encargado de abrir a nova tempada. Boa travesía.
 

NOTICIAS A LIMIA | Luís O Caruncho abre a Travesía de Janeiro, mañá sábado na Arca da Noe