martes. 03.12.2024

José Manuel Lage Parente, fundador do Museo del médico rural de Maceda, médico xubilado, reuniu onte unhas corenta persoas na Aula da Escola Rural de Saúde na Casa da Cultura de Xinzo. A afluencia de público desbordou a capacidade do local. Malia todo, Lage conseguiu emocionar a moitas das asistentes, vellos compañeiros de profesión ou colaboradoras máis recentes como as responsábeis da Escola Rural. “Quixen que a primeira presentación fose aquí”, explicou o autor, honrando unha década de traballo compartido na difusión das boas prácticas para o coidado da saúde.


Lage escribiu un libro de memorias organizado en forma de relatos curtos que son lembranzas persoais. É un libro humilde e fondo, como se mostrou o autor, un médico humanista como a maioría dos médicos rurais, que recupera anacos de vida que xa se perderon salvo na memoria duns poucos. 


Lage conta o que eran as feiras, os afiadores, os petos das ánimas, como era aquel entroido e o magosto e o Nadal, recrea a botica, o cine e as consultas nas que atendía. Tamén fala das chamadas por urxencias na noite, dos amigos perdidos, do sida, do caso do aceite de colza. Conta a vida cotiá e cousas extraordinarias. Conta o caso da muller que matou un raio, cun oco de entrada no pescozo e un de saída nun pé. Ou o caso daqueles dous irmáns que rifaron nunha feira e acabaron matándose un ao outro. E contou tamén o caso do fillo que gardaba o ataúde baixo a cama da nai moribunda. E fixo rir a todos, aínda que o conto era triste. 


Retazos de la vida de un médico rural tivo unha presentación fermosa que remataron as mulleres da Escola Rural de Saúde bautizando o libro con flores. O médico é un narrador descarnado, realista. 'Retazos' son as memorias dun ollo clínico. Conta, sen dor, frío, a morte, unha circunstancia tan cotiá como a vida. 


'Retazos' é un libro fácil de ler e difícil de dixerir. “Cuando ya estaba encamado y no podía desplazarse a mi consulta, en una de las visitas me dio su caxato y me dijo que en agradecimiento a mis atenciones, me regalaba a su fiel compañero de fatigas, que el como buen carpintero había hecho en su taller”, conta nunha das historias. Un exemplo de elegante despedida nun libro que está chea delas: a vida dun médico rural.

NOTICIAS A LIMIA | As memorias dun ollo clínico