viernes. 27.12.2024

A Charanga XL anuncia “a derradeira”, unha última noite “que fará tremer toda A Limia”. É unha despedida entroideira en plena Semana Santa. Será a noite do mércores 13 de abril, a próxima semana. O escenario, a praza Maior de Xinzo, a partir das 21 horas. 

O mesmo día, no mesmo escenario, nun horario por determinar, terá lugar outro acto entroideiro, mais neste caso unha benvida. A presentación do documental O Legado, unha curtametraxe que narra o proceso de elaboración dos distintos elementos que visten as pantallas. 

“Grazas a todos os concellos, comisións e público que nos fixestes vibrar cada día que saímos a tocar. Son mil experiencias as que nos levamos”, din os compoñentes da XL nunha mensaxe enviada este martes xunto a un cartel que anuncia o evento. 

No cartel aparecen 17 músicos. Xente que formou parte da charanga e viaxou a máis de 200 festas de Galicia, Portugal, Asturias e Castela e León. Anuncian unha despedida XL, e din que marchan con bágoas nos ollos, “non pola tristeza” senón polo “orgullo de poder representar Xinzo” nesa longa traxectoria. 

A outra cita do 13 é co cine documental, O Legado, unha produción de La Sombra Estudios e patrocinio do Concello de Xinzo de Limia e a Asociación da Pantalla. A curtametraxe era unha estrea prevista para semanas atrás, mais a situación da pandemia e as prevencións de cara ao Entroido 2022 demoraron a cita. 

“Grazas a todos os concellos, comisións e público que nos fixestes vibrar cada día que saímos a tocar. Son mil experiencias as que nos levamos”, din os compoñentes da XL.

Docu e despedida entroideira (2)
Cartel co anuncio da proxección da curtametraxe.

 

Docu e despedida entroideira (1)
Anuncio da despedida da Charanga XL.

 

NOTICIAS A LIMIA | Unha presentación e unha despedida entroideiras