Este martes Artur Puga conversa co Diario do Limia nun café da praza de Xinzo minutos antes de comezar as aulas de baile tradicional no Casino. É a rutina de cada martes. Os luns toca Ourense; os martes, Xinzo; os mércores, Celanova e Verín; os xoves, Vigo... Artur Puga é un profesional do baile tradicional galego, “mais para vivir disto tes que combinar a faceta de artista coa de profesor e director de grupos”, confesa.
Artur Puga, 24 anos, con residencia en Vigo, bailarín e músico desde os 8 anos, criado artisticamente na Buxaina, en Coruxo, baixo as ensinanzas de Xisco Feijoo, director dese grupo tradicional non profesional desde hai sete anos, que cada martes vén a Xinzo para dar aulas no Casino a catro grupos, “tres horas e media, porque os pequenos non aguantan máis de media hora”, é optimista a respecto do futuro do seu: o baile e a música tradicional.
En Xinzo leva catro anos. Empezou no Casino cun éxito inesperado. Chegou a ter case 50 alumnos o primeiro ano. Despois veu a pandemia e cortou todo. No 2021, malia as limitacións, “e grazas á vontade da dirección do Casino”, conseguiron manter a actividade mesmo con grupos de seis persoas, como mandaban as normas.
Agora, un mes e pico despois daqueles días frenéticos en Benidorm coas Tanxugueiras, reflexiona sobre o que pasou. E é optimista. “Admiro a Mercedes Peón, meu tío foi músico dela, admiro a Xavier Díaz, a Ses... as Tanxugueiras non son diferentes, que pasou con elas? Que estiveron no momento xusto no lugar oportuno. Sen toda esa xente detrás, as Tanxugueiras poderían ficar nunha anécdota, pero estou convencido de que non vai ser así”.
“Nunca vin tanta xente por tocar, por cantar, por bailar, por escoitar este tipo de música. Nunca. Se das 200.000 persoas que chegaron ás Tanxugueiras, o 5% se achega agora a calquera grupo tradicional, pois isto vai pegar un salto, téñoo clarísimo. Acaba de pasar? Eu creo que se estaba xestando. As Tanxugueiras foron a espoleta”, di Artur.
Artur conta que toda esta semana ten cursos en institutos de ensino medio. Antes pasáballe de forma ocasional, porque algún profesor se empeñaba. Agora a xente máis moza ten curiosidade. “Énchome a firma camisetas a rapazas e rapaces”, di divertido. “E non é pola miña firma... significa algo, para estas mozas e mozas bailar Tanxugueiras hoxe é o máis”.
As Tanxugueiras, reflexiona Artur, teñen o valor de que “están inmersas no contexto actual, móvense moi ben nas redes, son próximas, moi novas, saben chegar ao público destas xeracións... e todo iso sen separarse do que é a raíz”.
Nunca vin tanta xente por tocar, por cantar, por bailar, por escoitar este tipo de música. Nunca. Se das 200.000 persoas que chegaron ás Tanxugueiras, o 5% se achega agora a calquera grupo tradicional, pois isto vai pegar un salto, téñoo clarísimo".
O DÍA A DÍA: ENSINO E PROXECTOS
Artur Puga ten este mércores un día duro na oficina. Pola tarde estará en Celanova, onde axuda a recuperar o grupo Solpor, e xa de noite, en Verín. Días así adoita durmir en Ourense, onde ten amizades. Síntese parte dun movemento en efervescencia, que vén de lonxe. “No país hai unha calidade musical alucinante, e somos moitas. En festivais de referencia como Lorient, por exemplo, flipan co nivel de grupos non profesionais. Levamos vantaxe, por exemplo, aos asturianos. Aquí a recuperación empezou nos anos cincuenta e o tecido cultural é hoxe moi forte”.
Mais o día a día non é sinxelo. Poucos músicos no país viven só de actuar e gravar. “Acabamos indo á docencia, claro”. Fran Sieira, a compañía de danza coa que Artur chegou até Benidorm é unha das poucas que abre a fenda profesional. “Fran traballaba nunha petroleira e deixouno e arriscou moito. Todo o que fago con el é sempre pagado. Non é fácil manter unha compañía de dez persoas. El vén do tradicional puro, pero segue a se formar, para integrar o que vai aprendendo co noso”.
“Que ten que pasar para que as Administración axuden a todo este enorme tecido a chegar ao gran público? Primeiro, temos que perder certos complexos. O baile tradicional é moito máis que esa danza estilizada que se promove desde tempos da Sección Femenina, o franquismo. Despois, demostrar que nisto tamén hai economía, posibilidades de negocio”, di Artur.
Fran traballaba nunha petroleira e deixouno e arriscou moito. Todo o que fago con el é sempre pagado. Non é fácil manter unha compañía de dez persoas".
Artur, músico e danzante, profesor e estrela coas Tanxugueiras, lembra a Siniestro Total, Os Resentidos, Os Diplomáticos... e di que que hoxe a efervescencia chámase Baiuca, Caldo, Xosé Liz, Comando Curuxás, Fransy González e Davide Salvado...
Con Xisco Feijoo, o mestre que lle deu a batuta na Buxaina, anda agora embarcado nun proxecto moi ambicioso en Barcelona. Detrás están as 15 casas galegas en Cataluña. Vai ser unha homenaxe á emigración galega a aquel país hai sesenta anos. Mais de 300 persoas, entre músicos, bailaríns e cantantes, ensaian un espectáculo que esperan estrear no Liceo de Barcelona contra finais de ano. “É algo grande... esperemos podelo traer aquí e sentirnos orgullosos, como nos sentimos en Benidorm coas Tanxugueiras, foi algo grande, bonito, e non parará aí”.